Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E O CONCELLO PROMOVEN A CAMPAÑA "NON PERDAS O BUS"
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, presentaron a campaña no Concello
Narón, 11 de setembro de 2024. A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro Díaz, presentaron esta mañá en rolda de prensa a campaña “Non perdas este bus” que desenvolverán conxuntamente neste municipio os días 12, 13 e 14 de setembro. A directora de ADOS salientou a importancia de potenciar a participación da cidadanía nas campañas de doazón de sangue, especialmente, en concellos como o de Narón que teñen un importante peso sociodemográfico e un importante potencial de incremento. Neste sentido, salientou que no ano 2023, rexistráronse 870 doazóns de sangue en Narón, o que supuxo obter un índice de 22 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano. Non obstante o obxectivo da Axencia de cara aos vindeiros exercicios, pasa por achegarse progresivamente ata as 1.500 doazóns anuais en Narón. A alcaldesa da cidade, incidiu no feito de que “Narón é un concello moi solidario, en toda a extensión da palabra, e así o ten demostrado en múltiples ocasións” e animou ás veciñas e veciños que poidan facelo a acudir a doar durante esas xornadas, e tamén o resto do ano nos puntos habilitados “co fin de realizar unha acción que pode salvar vidas”. Visita unidade móbil A campaña “Non perdas este bus” desprazará unha unidade móbil da Axencia ata as inmediacións do novo centro de saúde, para atender a todas as persoas que desexen participar en horario das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 nas xornadas de mañá e do venres 13, e das 10:00 ás 15:00 horas do sábado 14 de setembro. Así mesmo, todas as persoas que se acheguen a doar recibirán un agasallo especial como agradecemento pola súa participación. Nas xornadas previas á visita da unidade móbil desde ADOS e o Concello de Narón estase a realizar un importante labor de distribución de información e solicitouse a colaboración de distintos colectivos da sociedade naronesa (asociacións veciñais, deportivas, empresas,...) para que convidasen á participación nesta iniciativa e potenciar a participación da veciñanza nesta nova campaña especial. Así mesmo, a Axencia quere amosar o seu agradecemento ao concello de Narón polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover o solidario xesto da doazón de sangue, tanto nesta campaña “Non perdas este bus”, como no resto de visitas das unidades móbiles de ADOS desenvolvidas durante todo o ano. Desde a Axencia, ademais, fan extensivo este agradecemento as asociacións veciñais, deportivas, empresas, centros educativos,... e, especialmente, a toda a veciñanza de Narón polo seu compromiso con este xesto solidario que contribúe a salvar vidas. Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

<<< Decembro 2025 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal