ENTREGADOS OS DIPLOMAS DE DÚAS ACCIÓNS FORMATIVAS DE OPERADOR/A DE CARRETILLAS E PLATAFORMAS ELEVADORAS CON CERTIFICACIÓN PEMP (UNE)
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Formación, Natalia Hermida, entregaron os diplomas ao alumnado
Narón, 18 de setembro de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Formación, Natalia Hermida, entregaron esta mañá os diplomas de dúas accións formativas de Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras con certificación PEMP (UNE), do Programa municipal de Formación. Unha vintena de alumnas e alumnos recolleron os diplomas no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
Estas accións formativas impartíronse dende o 29 de xullo ata o 12 de agosto deste ano, unha en horario de mañá e outra de tarde, nas citadas instalacións municipais. Cada un dos cursos contou con dez alumnos, tal e como recordou a rexedora local. Ferreiro interesouse ante o alumnado pola súa valoración deste curso en particular e do programa de formación municipal en xeral e felicitouno por rematar este curso. Así mesmo, avanzou que, entre outras accións, está prevista unha nova sobre Operador/a de carretillas e plataformas elevadoras con certificación PEMP (UNE) antes de que remate este ano.
A rexedora local animou ao alumnado a continuar formándose para poder mellorar a súa empregabilidade e tamén a facer uso de todos os servizos de formación e emprego permanentes cos que conta o Concello naronés, que se poden consultar a través do enlace: triptico_emprego.pdf (naron.gal).