O CONCELLO COLABORA CON CÁRITAS NUNHA MÁSTER CLASS DE ZUMBA SOLIDARIA COAS PERSOAS AFECTADAS POLA DANA EN VALENCIA
A iniciativa, que se desenvolverá o 9 de novembro no pavillón de Sedes, presentárona esta mañá a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, e Linda Teijido, técnica de emprego de Cáritas e instructora certificada de zumba
Narón, 5 de novembro de 2024. A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, presentou hoxe con Linda Teijido, técnica de emprego de Cáritas e instructora certificada de zumba, a Master Class solidaria que se desenvolverá este sábado, día 9, nas instlaacións do pavillón e o local social da parroquia de Sedes. A convocatoria, tal e como explicaron, terá un marcado carácter solidario e o diñeiro recaudado por Cáritas doarase ás persoas afectadas pola DANA en Valencia. O equipo de instructores tiña convocada unha master class, á que tralo acontecido coa DANA decidiron dar un carácter solidario.
A convocatoria dará comezo ás 11.00 horas, e prolongarase durante aproximadamente hora e media. A maiores da master class de zumba, tal e como indicaron, “haberá tamén actividades para as nenas e nenos, para que poidan desfrutar mentres se desenvolve a master class”. A realización dun mural, a elaboración dunhas chapas… forman parte destas propostas para os menores.
As persoas que non poidan acudir e desexen colaborar teñen a posibilidade de realizar un ingreso por Bizum ao 38378 e tamén realizar unha transferencia bancaria ás contas: ES53 2080 0200 4830 0039 2123 (Abanca) ou ES28 0049 0085 1921 1095 9715 (Santander), poñendo no concepto: ZUMBA DANA. “A idea e poder axudar a unha cantidade importante de persoas e iso é o que nos move”, recalcou Teijido.
A edil María Lorenzo destacou a iniciativa, que conta coa colaboración do Consistorio, e recordou que o Concello colabora tamén co Centro de Recursos Solidarios, onde se poden realizar doazóns de luns a venres entre as 10.00 e as 13.00 e dende as 16.30 ata as 19.30 horas. Así mesmo, poderanse realizar no pavillón polideportivo municipal da Gándara, nas instalacións do SPEIS, na Cooperativa do Val (O Val e Xuvia), no supermercado Migros (Xuvia) e nos Centros Comerciais Narón e Odeón.