O CONCELLO DESENVOLVERÁ UN COMPLETO PROGRAMA DE ACTOS PARA CELEBRAR O DÍA DE NARÓN
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou os actos cos edís de Festas, Mar Gómez, e Deportes, Ibán Santalla
Narón, 18 de novembro de 2024. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou cos edís de Festas, Mar Gómez, e Deportes, Ibán Santalla, o programa de actos co que se conmemorará este sábado o 23 de novembro, Día de Narón. A praza 23 de novembro acollerá as diferentes propostas, que se sucederán en horario de mañá e tarde e ás que dende o Concello se anima a asistir ás veciñas e veciños da localidade.
A festa comezará ás 11:30, cunha sesión de xogos populares e cantaxogos que se prolongará durante aproximadamente unha hora. A continuación, sobre as 12:30 horas, actuarán as Cantareiras, a Banda de Gaitas e as Escolas de baile do Padroado da Cultura, que amenizarán a convocatoria ata as 14:00 horas. Ao mediodía haberá unha degustación, de balde, de callos e bolos preñados, que se servirán entre as 13:00 e as 15:00 horas e tamén pola tarde, dende as 17:30 ata as 20:00 horas.
A programación retomarase pola tarde, ás 16:30, coa actuación do mago Dani García, que traerá a Narón o espectáculo “Don Gelati”. A música regresará á Praza 23 de novembro sobre as 18:00 horas, coa actuación do Trío Antha, ata as 20:00 horas, pechando os actos previstos na citada localización (e que en caso de choiva se trasladarán ao interior do pavillón Campo da Serra).
As propostas da última hora da tarde inclúen ademais a entrega do premio do XIV Concurso de Pintura Cidade de Narón, que terá lugar ás 18:00 horas no Pazo da Cultura. O autor ou autora da obra gañadora recibirá un premio de 3.000 euros e terá dereito a exponer nas citadas instalacións culturais durante un período de quince días.
Así mesmo, no Auditorio municipal, na Praza de Galicia, organizouse dende o Padroado da Cultura e a Asociación Cultural Musical Sementeira -tamén en colaboración coa Federació de Societats Musicals de la Comunitat Valenciana e da Deputación da Coruña- ás 20:00 horas un concerto solidario no que actuarán a Banda Infantil Sementeira e a Xove Banda de Narón. O donativo de 5 euros aboarase o propio día do concerto, momentos antes do inicio, e destinarase ás sociedades musicais valencianas afectadas pola DANA, tal e como avanzaron dende a organización. Tamén se pode doar a través da Fila o: IBAN ES03 2080 0240 3130 4002 1206 (Abanca).
Os actos inclúen un ano máis unha celebración previa, na xornada do venres 22, a Gala do Deporte de Narón, que alcanza este ano a súa trixésima edición e na que se realizarán varias distincións a destacados deportistas locais e se entregará o premio ao/á Mellor deportista de Narón 2024. A gala dará comezo ás 21:00 horas no Pazo da Cultura.
O Día de Narón conmemora a data na que se atopou, na parroquia de San Xiao, a primeira acta oficial conservada do Concello, que data do ano 1837, tal e como recordou Ferreiro. “É un día de celebración para as naronesas e naroneses, aos que convidamos a desfrutar en familia das propostas organizadas para esta xornada”, recalcou a alcaldesa.