O LOCAL SOCIAL DO ALTO ACOLLERÁ MAÑÁ A CONFERENCIA "ACTIVIDADE FÍSICA E SAÚDE MENTAL"
A concelleira de Benestar Social, María Lorenzo, recordou que a convocatoria terá lugar ás 19:00 horas
Narón, 19 de decembro de 2024. O local social do Alto do Castiñeiro acollerá mañá a última conferencia e obradoiro práctico deste ano do programa municipal A saúde mental importa. Para pechar os actos da Semana da saúde mental, Jorge Cabana, licenciado en INEF, e Paula Paz, traballadora social, falarán sobre “Actividade física e saúde mental”, un obradoiro práctico que dará comezo ás 19:00 horas, tal e como indicou a concelleira de Benestar Social, María Lorenzo.
A edil naronesa incidiu na boa acollida que teñen as conferencias e obradoiros vencellados ao tema da saúde mental, en canto que “proporcionan ás persoas unha serie de ferramentas e recursos a través das que poder facer fronte a unha problemática deste tipo, que afecta tanto á persoa que a padece como á súa familia e amizades”.