Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ANIMOU A UNHA VINTENA DE ESCOLARES DO CPR AYALA A SOLVENTAR A "MISIÓN EN SEGREDO: O ESCUDO AGOCHADO DE NARÓN"
Marián Ferreiro e a edil de Ensino, Olga Ameneiro, recibiron ao alumnado no salón de plenos do Concello
Narón, 11 de febreiro de 2025. Unha vintena de escolares de sexto curso de Primaria co CPR Ayala visitaron esta mañá o Concello para participar no programa de visitas impulsado dende a Concellaría de Ensino. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, recibiu aos menores xunto coa edil de Ensino, Olga Ameneiro, no salón de plenos. Unha vez alí as rapazas e rapaces interesáronse ante a rexedora local por numerosas cuestións vencelladas ao seu traballo no Consistorio. Rematadas as preguntas á alcaldesa a actividade continuou co escape room “Misión en segredo: o escudo agochado de Narón”. Neste punto, Ferreiro pediu a axuda dos escolares para enfrontar unha misión segreda, que non foi outra que solventar un problema que afectaba ao Concello e de gran importancia para o conxunto da cidadanía. A solución quedou polo tanto nas mans das nenas e nenos do centro, os elixidos nesta ocasión para representar á súa cidade. O traballo en equipo e a axuda dos monitores foi imprescindible para poder solventar esta misión de alto segredo a base da resolución dunha serie de probas. A memoria, o enxeño, o coñecemento da contorna, a escoita activa e as habilidades sociais para empatizar cun personaxe misterioso foron as bazas coas que contaron os escolares á hora de afrontar este reto, que se levou a cabo no interior do Consistorio. Cofres pechados, chaves, lanternas de luz ultravioleta, mapas, adiviñas, labirintos, mensaxes cifrados… foron algúns dos elementos utilizados para esta misión que durou sobre unha hora e que levaron a cabo con éxito. Ao remate da mesma, recibiron uns agasallos institucionais. A alcaldesa destacou o feito de que “a través deste tipo de iniciativas podemos achegar máis o Concello e os servizos que aquí se ofrecen á cidadanía, neste caso mediante a figura das nenas e nenos de sexto de Primaria de varios colexios de Narón que dende hoxe e nos vindeiros meses participarán nas mesmas”.

<<< Novembro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
naron.gal