Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A BIBLIOTECA ACOLLE UNHA MOSTRA DE ROSALÍA DE CASTRO E PROGRAMA UN ESPECTÁCULO PARA PÚBLICO INFANTIL E FAMILIAR ESTE SÁBADO
A concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, anunciou os actos programados con motivo do Día de Rosalía
Narón, 17 de febreiro de 2025. A Biblioteca municipal abrirá mañá martes o prazo de inscrición para poder asistir ao espectáculo “Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos…” organizado con motivo da celebración do Día de Rosalía. A convocatoria terá lugar o vindeiro 22 de febreiro, ás 11:00 horas, nas citadas instalacións municipais, tal e como recordou a edil responsable da área, Olga Ameneiro. Caxoto Contacontos trae a Narón este espectáculo, que consistirá nun percorrido pola obra e vida de Rosalía de Castro a través dos seus escritos e do seu testemuño, e tamén dos afluentes, lagoas e manantiais que xurdiron dela. Trátase dunha proposta na que as persoas asistentes –diríxese a público infantil e familiar- coñecerán mulleres poetas que a partir da súa herdanza deron lugar a unha poesía galega recoñecida aquí e fóra das nosas fronteiras. Para anotarse é preciso chamar á Biblioteca -981 382 173- mañá a partir das 16:00 horas ou facelo de xeito presencial no centro. Os menores que queiran asistir deben ter cumpridos os seis anos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. A Biblioteca municipal acolle dende hoxe, e durante toda a semana, unha mostra bibliográfica adicada a Rosalía de Castro. As persoas que queiran visitala poderán atopar obras propias da poetisa galega e tamén biografías, ensaios, homenaxes e obras de ficción inspiradas nela.

<<< Novembro 2025 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
naron.gal