O PAZO ACOLLERÁ MAÑÁ A PRESENTACIÓN DO LIBRO "MEMORIAL E MONUMENTO ÁS VÍTIMAS DO FRANQUISMO EN FERROLTERRA, EUME E ORTEGAL", DE ANTONIO BLANCO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, acompañará no acto ao autor da obra, Antonio Blanco
Narón, 5 de marzo de 2025. O Pazo da Cultura acollerá mañá pola tarde, ás 19:00 horas, a presentación do libro “Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal”, do escritor Antonio Blanco Carballo. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, participará na convocatoria, na que tamén estarán presentes Anxo Currás, que revisou os textos da publicación, e Xabier Dongil, que realizou xestións para contribuir a que vise a luz.
O libro é unha homenaxe ás vítimas do franquismo, concretamente ás máis de 900 persoas vítimas do réxime nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e ás súas familias. Entrevistas, fotografías e unha coidada documentación forman parte desta publicación, que fusiona os testemuños co relato.
A entrada é libre, ata completar a capacidade do Café Teatro do Pazo da Cultura.