O CONCELLO DESTINA 175.000 EUROS Á MELLORA DE CAMIÑOS EN SEDES, CASTRO, SAN XIAO E PIÑEIROS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, informou das melloras proxectadas en varios viais do termo municipal, algunhas delas en execución
Narón, 11 de marzo de 2025. O Concello acomete dende hai uns días parte das obras enmarcadas no proxecto de reposición do pavimento nos camiños das parroquias de Sedes, Castro, San Xiao e Piñeiros. Así o avanzou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que explicou que se mellorará a capa de rodadura do vial de comunicación interior entre Castro e Sedes (Salgueiral), o das Covas (Piñeiros), dous de Castro (Nelle e Pregordo) e un en San Xiao (Coira). En conxunto, o investimento, cofinanciado polo Concello e a administración provincial, ascende a preto de 175.000 euros.
Os viais que serán obxecto das actuacións previstas foron pavimentados hai máis de quince anos e o paso do tempo e a recente implantación do servizo da rede de saneamento deterioraron o firme, polo que dende o goberno local se priorizaron os traballos de reparación e regularización de bordos, tal e como consta no proxecto.
Nos citados camiños reforzarase a capa de rodadura, limpándose previamente as cunetas e noiros en todo o percorrido e rozando a maleza nos bordos para que as escorrentías sexan axeitadas. Tamén se repararán brandóns e fochancas cun tratamento asfáltico naqueles casos que así o requiran. As obras completaranse coa limpeza de tajeas, sinalización horizontal e outras intervencións recollidas no proxecto a executar.
Dende o Consistorio indicouse que o prazo de execución dos traballos é de tres meses.
“As melloras viarias están entre as prioridades de actuacións do goberno local, dende onde a maiores deste proxecto, se definiron outros que permitirán reparar o estado actual de varios camiños da zona rural do termo municipal que así o requiren”, indicou a alcaldesa. A rexedora local apuntou que se trata de obras “que se irán desenvolvendo paulatinamente en canto as condicións meteorolóxicas permitan realizar eses traballos coa maior das garantías”.