O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NUN CURSO DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS, PRL E MEDIO AMBIENTE NO SECTOR NAVAL E PRL EN ESPAZOS CONFINADOS E TRABALLOS EN ALTURA
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, informou que se ofertan un total de vinte prazas
Narón, 12 de marzo de 2025. A concelleira de Formación, Natalia Hermida, anunciou a apertura, mañá xoves, do prazo de inscrición nun curso de Prevención de riscos laborais, Prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval e Prevención de riscos laborais en espazos confinados e traballos en altura. A convocatoria diríxese a un máximo de vinte persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón, se ben poden apuntarse persoas desempregadas maiores de 18 anos doutros concellos que accederán á acción formativa no caso de non cubrirse todas as prazas con persoas de Narón. A duración do curso será de 107 horas -92 de Prevención de riscos laborais e quince máis de módulos adicionais-, que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, en horario de mañá.
Está previsto que o curso se desenvolva do 26 de marzo ao 29 de abril deste ano. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo dende mañá ás 8.30 horas ata o día 19 de marzo ás 13.30 horas a través do Rexistro xeral do Concello, da Sede Electrónica de Narón ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Conceptos básicos sobre a seguridade e a saúde no traballo, riscos xerais e a súa prevención, riscos específicos e a súa prevención no sector correspondente á actividade da empresa, primeiros auxilios, prevención de riscos no sector naval, medio ambiente no sector naval, prevención de riscos laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados… forman parte dos contidos que se abordarán nesta acción do Programa Municipal de Formación. A edil naronesa explicou que se trata dun itinerario completo –hai que realizar todo o curso- e que se programou en base ás esixencias sobre estas materias para as traballadoras e traballadores das compañías que operan no sector naval.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro e as persoas interesadas en recibir máis información poden contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109).