DEZASETE COMPAÑÍAS DE ARTES ESCÉNICAS GALEGAS PARTICIPARON HOXE NUNHA ROLDA DE NEGOCIOS DO FESTIVAL SINGULAR
Dezasete compañías de artes escénicas galegas participaron hoxe nunha rolda de negocios do Festival Singular
Narón, 22 de marzo de 2025. Un total de dezasete compañías de artes escénicas galegas participaron esta mañá na rolda de negocios “Encontro con programadores nacionais e internacionais e compañías de teatro galego”. A convocatoria deu comezo ás 11:00 horas e prolongouse ata as 13:00, un tempo no que estas compañías teatrais tiveron a oportunidade de entablar conversas profesionais para ofertar os seus traballos con programadores nacionais e internacionais. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, recordou que a proposta forma parte das actividades paralelas do X Festival Internacinoal do Monólogo Teatral Singular, e informou que este ano contou con profesionais procedentes de Arxentina, New York, Chicago, Colombia, Costa Rica, República Dominicana, Uruguay, Gran Canaria, e Euskadi, entre outros.
Así mesmo, Ferreiro incidiu no feito de que esta convocatoria, “representa unha excelente oportunidade para que estas compañías poidan dar a coñecer o excelente traballo que se realiza en Galicia en materia de artes escénicas e ter unha oportunidade fóra da nosa comunidade”. Así mesmo, a alcaldesa destacou que o pasado ano un total de catro compañías galegas realizaron, a través desta rolda de negocios, xiras por Uruguay, Costa Rica e Nicaragua, fomentándose deste xeito os intercambios entre elas.
As actividades paralelas deste festival deron comezo o pasado 10 de marzo, cun obradoiro de teatro sobre “O actor e o seu proceso creativo”, impartido por Beatriz Viñas, de Cuba. Na xornada de onte desenvolveuse no Pazo a mesa redonda “Programación en Galicia de espectáculos internacionais” e, despois da convocatoria de hoxe, quedan pendentes a asamblea da Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas (Redelae), ás 10:00 horas no Pazo e, finalmente, un seminario de clown que impartirá a arxentina Julieta Daga os días 25, 26 e 27 marzo no auditorio municipal, de 18:00 a 21:00 horas.
A programación do X Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular continúa este mes con representacións no Pazo para públicos de todas as idades.