A edil responsable da área, Olga Ameneiro, avanzou que se trata dunha proposta para público infantil e familiar
Narón, 19 de maio de 2025. A Biblioteca municipal abrirá mañá pola tarde, ás 16:00 horas, o prazo de inscrición na actividade Directas ao espazo, dirixida a público infantil (a partir de 4 anos) e familiar e que terá lugar este sábado, día 24, ás 11:00 horas. Así o avanzou a edil responsable da área, Olga Ameneiro, que explicou que a actividade, que mistura humor e divulgación científica para achegar ao público máis novo o valor dos soños e o exemplo de dúas pioneiras da exploración espacial: Valentina Tereshkova, a primeira muller en viaxar ao espazo, e Sara García Alonso, primeira astronauta española.
As persoas participantes coñecerán unha protagonista moi especial que está convencida de que a mellor mascota do mundo vive no espazo. O seu pai e a súa nai, para axudala, contaranlle a historia de dúas mulleres fascinantes que conseguiron ir ata alí, Valentina e Sara.
Para poder participar na actividade é preciso que os menores teñan os catro anos cumpridos e o carné da rede de bibliotecas sen sancións pendentes. As prazas poden reservarse de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.
A actividade está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do programa Ler conta moito.