O CONCELLO ABRIU HOXE O PRAZO PARA COMUNICAR A REALIZACIÓN DE FOGUEIRAS EN SAN XOÁN E SAN PEDRO
Nas comunicacións é obrigatorio, entre outros datos, indicar a referencia catastral da parcela na que se realizará a fogueira
Narón, 10 de xuño de 2025. O Concello manterá aberto dende hoxe o prazo para informar da realización de fogueiras de San Xoán e San Pedro en espazos privados e, no caso das localizadas en espazos públicos, aplicarase a normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas, debendo presentar a maiores a documentación indicada no modelo A-ALC-04. Así o indicou o edil de Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona, que explicou que os trámites se deben realizar exclusivamente cubrindo un formulario a través do enlace: https://run.gob.es/iyl84d80. As comunicacións poderán realizarse ata o 19 de xuño, incluído, se ben no caso daquelas persoas que tan só realicen as de San Pedro, abrirase un novo prazo os días 25 e 26 de xuño.
Na instancia, a maiores dos datos persoais do solicitante e da persoa propietaria da finca na que se localizará, é imprescindible indicar a referencia catastral da mesma para poder avanzar na tramitación. Ademais, hai que indicar un teléfono de contacto, entre outros datos.
Co fin de garantir a máxima seguridade nestas xornadas, tal e como se especifica nun bando asinado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, haberá que cumprir unha serie de requisitos. Entre eles, que a fogueira non supere os cinco metros de altura e tres de ancho; que estean a unha distancia mínima de 30 metros das vivendas ou de vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais; que non exista outra fogueira a menos de 100 metros; non queimar residuos perigosos ou tóxicos e vixialas ata a súa total extinción. En caso de vento, deben extinguirse de inmediato, para evitar posibles perigos.
As fogueiras San Xoán e San Pedro acenderanse a partir das 20:00 horas e deberán estar extinguidas ás 03:00 horas e no caso de emerxencia haberá que chamar ao teléfono 112.