O CONCELLO ACOLLEU UNHA REUNIÓN CO COMITÉ DE EMPRESA DE GUIDONI QUARTZ TRALA PRESENTACIÓN DUN ERTE QUE AFECTARÍA Á TOTALIDADE DO PLANTEL
A alcaldesa, Marián Ferreiro, programou a xuntanza, á que acudiron os voceiros de TEGA, Román Romero; do PP, Germán Castrillón: do BNG, Olaia Ledo e o edil socialista Jorge Ulla
Narón, 16 de maio de 2025. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e os voceiros de Terra Galega, Román Romero; do PP, Germán Castrillón e do BNG, Olaia Ledo, así como o edil do PSOE Jorge Ulla, reuníronse este mediodía con persoal do comité de empresa de Guidoni Quartz, unha xuntanza programada dende a Alcaldía para coñecer o estado no que se encontran tanto o plantel como a propia compañía. Unha firma adicada á fabricación de tableiros de aglomerado de cuarzo e granito e con sede no polígono das Lagoas.
A dirección da empresa propuxo a hai unhas semanas un Expediente de Regulación Temporal de Emprego cunha duración de seis meses e que afectaría á totalidade do plantel, 122 persoas. Dende o comité explicaron que a firma alega falta de actividade pola caída drástica dos pedidos de EEUU que supoñía a práctica totalidade de produción dunha das liñas. A empresa, pola súa banda, informou que prevé aplicar o ERTE o vindeiro día 25 deste mes, ao rematar o período de consultas.
Ambas partes mantiveron xa algunha reunión para tratar de acadar unha proposta favorable para a empresa e o plantel. “O que queremos é un futuro para Guidoni”, aseguran dende o comité. Dende o Concello adquiriuse o compromiso de solicitar unha reunión aos propietarios da firma. “O que máis nos preocupa é o futuro a medio prazo da empresa, e a ver se polo menos hai un compromiso público firme, temos un plan de viabilidade pero non está concretado en cifras, todo é de palabra”, explican á espera da vindeira xuntanza coa empresa, o mércores.
A maiores ofreceuse dende o BNG a intermediación a través do deputado Mon Fernández coa Xunta de Galicia para tratar de axilizar unha reunión na citada administración cos representantes dos traballadores e traballadoras.