O CONCELLO ABRIU HOXE O PRAZO DE SOLICITUDE DO SERVIZO DE MADRUGADORES E DE AXUDAS PARA COMEDORES E MATERIAL ESCOLAR
O servizo de madrugadores pode solicitarse durante todo o curso sempre que haxa prazas dispoñibles
Narón, 1 de xullo de 2025. O Concello abriu hoxe o prazo de solicitude do servizo de madrugadores nos centros públicos de educación infantil e primaria de Narón, que a partir do vindeiro curso escolar, tal e como se comprometera dende o goberno local, asumirá a súa xestión a administración local á espera de que a administración autonómica asuma a súa competencia nesta área, tal e como se incide dende hai anos.
Os destinatarios deste servizo son alumnas e alumnos de segundo ciclo de educación Infantil e educación Primaria, podendo solicitalo os pais, nais ou titores/as ou representantes legais dos escolares. As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou na Sede Electrónica, a través do pertinente formulario, e achegando a documentación requirida, dende hoxe e durante todo o curso escolar 2025-2026, podendo inscribirse en calquera momento sempre que haxa prazas dispoñibles.
Dende o goberno local agradeceron “a comprensión e o esforzo dos pais e nais que, entendendo os problemas que conlevou a tramitación necesaria para que o Concello puidese asumir a xestión temporalmente, asumiron máis tempo do pensado inicialmente ese labor, imprescindible para o mantemento do servizo e que continuamos insistindo e continuaremos reclamando que o asuma a Xunta de Galicia como unha competencia autonómica”.
O prezo do servizo é o regulado e aprobado por acordo plenario con data 26 decembro de 2024, cun custo de 38,72 euros ao mes ou 3,50 euros ao día segundo a asistencia fixa ou esporádica respectivamente e con posibles reducións no prezo en caso de solicitar e concederse as bonificacións establecidas para usuarios/as fixos/as na ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo de madrugadores.
As axudas para material escolar, en función das rendas da unidade familiar e dirixidas a familias con fillas e fillos matriculados en segundo ciclo de Infantil, educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Educación Secundaria de adultos, tamén poden solicitarse, neste caso ata o 30 de abril do vindeiro ano, ao igual que as de comedor para centros concertados. Para poder optar ás mesmas é preciso cumprir unha serie de requisitos, como estar empadroados en Narón e non superar un determinado límite de ingresos anuais, entre outros.
As persoas interesadas en solicitar máis información sobre as persoas beneficiarias destas axudas, a documentación a presentar ou o impreso de solicitude poden dirixirse ao Rexistro Xeral de entrada do Concello ou ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar.
Estas axudas poden tramitarse a través da Sede Electrónica do Concello de Narón, do Rexistro xeral do Concello –de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00 horas- ou por calquera outro medio previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.