O PARQUE DO RÍO FREIXEIRO ACOLLERÁ DO 17 AO 20 DESTE MES UNHA NOVA EDICIÓN DO MERCADO MEDIEVAL
A programación inclúe numerosas propostas dirixidas a persoas de todas as idades, tal e como indicou a concelleira de Feiras e Mercados, Mar Gómez
Narón, 11 de xullo de 2025. A edil de Feiras e Mercados, Mar Gómez, presentou a programación do Mercado Medieval de Narón, que se celebrará do 17 ao 20 deste mes no parque do río Freixeiro. A edil avanzou que se instalarán na zona preto dun centenar de postos de venda de produtos artesáns e gastronómico, ao tempo que indiciou que haberá unha programación durante os catro días con propostas dirixidas a persoas de todas as idades. O Mercado medieval abrirá o xoves ás 18:00 horas, momento no que se poderán ver xa exposicións de oficios, comezarán os obradoiros e a música, entre outras atraccións.
O venres 18 o mercado reabrirá ás 11:00 horas, coas diferentes actividades, como a apertura da escola de cabaleiros, as exposicións de oficios, a visita do trasno Froilán, a danza dos veos de Nazareth, un pasarrúas musical ás 12:45 horas e un descanso sobre as 14:15 horas para poder xantar nalgúns dos postos instados no propio mercado. Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:30 horas, con propostas musicais con gaitas, tambores e fanfarrias a cargo de Treefolk, a presencia de bufóns, dunha pitonisa, personaxes fantásticos e teatrais, unha dama alada… Ás 23:00 horas dará comezo un espectacular pasarrúas, “Cazadores de dragones”, con músicos, lume, cazadores, teatro… e ao rematar haberá un pasarrúas musical de despedida con Gaeloc.
O sábado a programación continuará en horario de mañá dende as 11:00 horas, con pasarrúas, trasnos, bufóns, a música de Treefolk, Nazareth e os sete veos, personaxes fantásticos e a elfa Cuca, para ao remate realizar unha pausa para o xantar e reabrir ás 18:30. As melodías de Treefolk regresarán pola tarde ao Mercado, no que tamén haberá espectáculos da danza do ventre, bufóns, un buhoneiro, títeres para as nenas e nenos, un pasarrúas musical con Gaeloc, un peregrino, vikingos, un espectáculo de lume ás 22:30 horas, “La niña del fuego”, circo e lime no parque ás 23:00 e novamente o pasarrúas “Cazadores de dragones” ás 23:30 horas.
Na última xornada deste evento, o domingo 20 reabrirá de novo ás 11:00 horas o Mercado medieval e regresará a música de Treefolk, os bufóns, títeres, un ente máxico dos bosques, as gaitas e tambores de Gaeloc, a danza do ventre e moitas outras propostas. Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:00 horas e tamén haberá música e novas sesións de maxia e un pasarrúas infantil de despedida con música, danza, personaxes fantásticos… e un pasarrúas de despedida ás 21:45 horas, con música, danza, lume, cazadores de dragóns e un espectáculo aéreo con lume e circo, no que participarán todas as compañías.
A edil naronesa avanzou que a maiores haberá durante a fin de semana atraccións infantís, un artesán da madeira realizando tallas en directo, un espazo para a práctica de tiro con arco para pequenos e maiores, probas de habilidade, un área de práctica de combates, un obradoiro de moedas e un campamento medieval para descubrir a vida e as costumes da época.
Mar Gómez destacou “a gran variedade de propostas e postos que un ano máis participarán no Mercado Medieval de Narón”. Unha cita que, recalcou “cada ano reúne a centos de persoas ao longo de cada xornada no parque de Freixeiro, para desfrutar de toda a oferta deste evento”, animando á cidadanía de Narón e doutros concellos a achegarse a gozar do mesmo.