O CONCELLO ABRIRÁ O VINDEIRO LUNS O PRAZO PARA SOLICITAR A INSTALACIÓN DE POSTOS NO XVI MERCADO DE SEGUNDA MAN
        
          
             
          
          O recinto feiral do Trece, na parroquia de Sedes, acollerá o vindeiro 30 de niovembro o XVI Mercado de segunda man organizado polo Concello. A edil responsable da área de Feiras e Mercados, Mar Gómez, informou que o vindeiro luns, 3 de novembro ás 8.30 horas, se abrirá o prazo para solicitar a instalación de postos neste mercado.  
          Poderán instalar postos de venda particulares maiores de idade, non comerciantes nin vendedores ambulantes. Un dos requisitos é que non se poderá vender artesanía, produtos alimenticios, bebidas nin animais. A inscrición é de balde pero esixirase un compromiso de asistencia e de aportación solidaria de catro quilos de alimentos non perecedeiros ou produtos de limpeza para doar ao Centro de Recursos Solidarios de Narón.
	O mercado abrirá as sús portas en horario de mañá e tarde, de 10.30 a 14.30 e dende as 16.00 ata as 19.00 e a montaxe do posto poderase realizar o día previo ao evento, o 29 de novembro, de 18.00 a 21.00 horas ou o propio domingo 30 de 8.00 a 10.00 horas.
	En total hai 70 prazas, que se concederán por rigorosa orde de inscrición, tendo prioridade as persoas empadroadas en Narón, trámite que se pode realizar ata o venres 21 de novembro ás 13.30 horas. As inscricións deben realizarse no Rexistro Xeral do Concello -de 8.30 a 13.30 horas-, a través da Sede Electrónica ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4, do 1 de outubro, do Procedemento administrativo común das administracións públicas. É preciso utilizar o formulario normalizado disponible na Sede Electrónica do Concello (no apartado Información pública-Actividades). As persoas que teñan concedida finalmente unha das prazas ofertadas recibirán unha comunicación telefónica entre o 24 e o 26 de novembro, publicándose a maiores o listado de persoas admitidas e suplentes na web do Concello (naron.gal).
	Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión1502).