O CONCELLO DE NARÓN INICIA A CONTRATACIÓN DUN NOVO SERVIZO DE IGUALDADE DIRIXIDO AO ÁMBITO ESCOLAR
A Alcaldía de Narón aprobou a incoación do expediente para contratar un novo Servizo de coeducación e prevención da violencia machista de apoio escolar dirixido ao alumnado, unha iniciativa cun valor estimado de 65.200 euros.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, subliñou que o goberno local mantén como prioridade o impulso das políticas de igualdade desde idades temperás. “Apostamos por reforzar a educación en igualdade desde as primeiras etapas, porque é un investimento directo na convivencia, no respecto e no futuro da nosa mocidade”, afirmou.
O novo contrato enmárcase nos obxectivos do III Plan de Igualdade de Narón, aprobado en 2022, e recolle accións centradas na promoción dunha linguaxe non sexista, a educación emocional, a convivencia e a construción de relacións igualitarias libres de estereotipos. Ferreiro destacou que “a prevención da violencia machista non pode agardar á vida adulta; o noso compromiso é ofrecer recursos que axuden a detectar e evitar condutas discriminatorias desde a escola”.
A resolución aprobada establece tamén que o contrato se licitará nun único lote, ao tratarse dun programa integral cuxas accións están interrelacionadas. Esta fórmula permitirá optimizar a coordinación técnica, reducir custos e garantir unha maior calidade na execución das actividades.
Unha vez incoado o expediente, os distintos servizos municipais iniciarán a elaboración dos pregos técnicos e administrativos, así como dos informes preceptivos previos á licitación, que será publicada no perfil do contratante do Concello.
Ferreiro concluíu lembrando que “queremos que Narón siga sendo un referente en políticas municipais de igualdade, e este novo programa é un paso máis para garantir que todo o alumnado conte con ferramentas para desenvolver relacións sanas e respectuosas”.