DAGA FERROLTERRA CELEBRA O SEU 40º ANIVERSARIO COAS IV XORNADAS DE IRMANDADE ABELLEIRA EN NARÓN
A delegación local da Asociación Galega de Apicultura (AGA), DAGA Ferrolterra, presenta unha programación especial para conmemorar os seus 40 anos de traxectoria, un aniversario que celebra organizando as IV Xornadas de Irmandade Abelleira xunto á A. VV. Rosa dos Ventos.
As actividades, abertas ao público e de carácter gratuíto, desenvolveranse entre o 28 de novembro e o 6 de decembro en distintos espazos de Sedes e contan co apoio da Concellería de Medioambiente do Concello de Narón.
A programación principia este venres 28 de novembro, ás 17.00 horas, no Local Social de DAGA Ferrolterra, situado na Gándara, preto do Centro Cívico de Sedes. Alí terá lugar un obradoiro de elaboración de xabóns artesáns impartido polo técnico apícola Rafael Díaz, que ensinará a preparar xabóns de mel, própole e pole, así como outras variedades elaboradas con esencias naturais como limón ou lavanda. A continuación, ás 18.30 horas, o propio Díaz ofrecerá a charla “Pasado, presente e futuro da apicultura galega”, na que repasará a evolución do sector e os desafíos que afronta na actualidade.
As xornadas continúan o sábado 29 de novembro no Centro Cívico Social de Sedes, onde se celebrarán dúas ponencias de carácter técnico. A primeira, ás 10.00 horas, estará dedicada ás necesidades nutricionais das abellas e será impartida por Miguel Villar, técnico apícola e xerente de Apícola Candieira. Ás 11.30 horas intervirá Joaquín Lozano, veterinario de AGA especializado en apicultura, que exporá as conclusións do Congreso Apícola Vespa Velutina celebrado o pasado 4 de outubro en Chantada e abordará os principais tratamentos fronte á varroa.
O sábado 6 de decembro celebrarase unha nova xornada técnica tamén no Centro Cívico Social de Sedes. Ás 10.00 horas o naturalista da SGHN e técnico do Museo de Historia Natural de Ferrol, Pablo Torrella, ofrecerá unha intervención centrada na situación dos polinizadores e os retos que afrontan nun contexto cada vez máis complexo. Ás 11.30 horas será a quenda do doutor Xesús Feás, Académico de Número da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, que abordará o impacto da vespa velutina e os motivos polos que a súa expansión se considera xa un problema de saúde pública.
A mediodía, ás 14.00 horas, celebrarase unha comida de irmandade cun menú tradicional a un prezo de 20 euros por persoa. Será necesario reservar antes do martes 2 de decembro a través do correo electrónico dagaferrol@hotmail.com. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, terá lugar un obradoiro de elaboración de licores do apicultor, no que se aprenderá a preparar e degustar catro variedades artesanais de baixa graduación elaboradas a base de mel: mel, mel e limón, mel e café e hidromel.
DAGA Ferrolterra anima a veciñanza de Narón e de toda Ferrolterra a sumarse a esta celebración, concibida para divulgar o valor da apicultura, destacar o papel dos polinizadores e reforzar o tecido asociativo local.