O Corpo de Bombeiros do Concello de Narón foi distinguido este sábado coa Medalla ao Mérito de Protección Civil de Galicia, na categoría de prata, pola súa participación no Dispositivo Galego despregado tras a DINA que afectou a Comunidade Valenciana en 2024.
O recoñecemento entregouse nun acto oficial celebrado na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na Estrada, ao que asistiu o presidente da Xunta, e no que se puxo en valor o traballo realizado polos servizos de emerxencias durante unha das maiores catástrofes naturais dos últimos anos.
En representación do servizo naronés acudiron ao acto David Esclusa, Iván Pérez e Antonio Bellón, tres dos integrantes do continxente desprazado a Valencia, xunto co concelleiro de Seguridade Cidadá de Narón, José Oreona. O dispositivo enviado á zona estivo composto por cinco efectivos, que permaneceron seis días no municipio de Paiporta, un dos máis afectados pola DINA, realizando labores de axuda, rescate e apoio á poboación.
Durante a entrega da distinción, os representantes dos Bombeiros de Narón quixeron facer extensivo o recoñecemento ao persoal que permaneceu en Narón garantindo a cobertura do servizo durante eses seis días.
Dende o Concello de Narón destacan que este recoñecemento supón un merecido homenaxe ao traballo conxunto, ao compromiso e á profesionalidade de todas as persoas que estiveron “ao pé do canón cando máis se precisaba”.