APRENDER GALEGO COMA PONTE DE INTEGRACIÓN: NARÓN CONCLÚE O SEU I OBRADOIRO DE ACOLLEMENTO LINGÜÍSTICO
O Concello de Narón vén de pechar a primeira edición do Obradoiro de acollemento lingüístico, unha iniciativa do Servizo de Normalización (SNL), dependente da Concellaría de Política Lingüística, que espertou un notable interese entre persoas chegadas recentemente de fóra de Galicia e con ganas de se achegar á nosa lingua propia.
Esta primeira edición contou con alumnado procedente de países como Colombia, Arxentina ou Francia, así como doutras comunidades do Estado, como Segovia ou Cáceres. A clausura do curso contou coa participación da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, que lles desexou ás persoas participantes o mellor nesta nova etapa, animándoas a seguir empregando o galego no seu día a día.
O programa, desenvolvido entre o 1 de outubro e o 17 de decembro, contou cun total de 30 horas de formación dirixidas a persoas maiores de idade que se aproximaban por primeira vez á lingua e á cultura de Galicia. O obxectivo principal foi facilitarlles ferramentas básicas de comunicación e coñecementos acerca da cultura galega que favorezan a súa integración social.
Ao longo do obradoiro, o alumnado puido aprender a presentarse en galego, a desenvolverse en situacións cotiás como pedir nunha cafetería ou facer a compra nunha tenda, ademais de familiarizarse cos costumes, tradicións e manifestacións culturais do país, incluída a música galega.
A dimensión cultural do programa completouse con varias visitas guiadas ao CIMIX e ao Pazo da Cultura, nas que se abordaron contidos como a historia e a relevancia do muíño de Xuvia para a comarca, así como o proxecto cultural que impulsa o Padroado da Cultura de Narón.
O obradoiro foi impartido por una técnica do SNL municipal no local da Asociación de Veciños Chafarís, reafirmando así o compromiso do Concello de Narón coa promoción do galego.