A CAMPAÑA MERCA NADAL DE NARÓN REPARTE 2.000 EUROS EN VALES DE COMPRA ENTRE TRES CLIENTAS
O Concello de Narón acolleu esta mañá o acto de entrega dos tres vales de compra correspondentes á campaña Merca Nadal deste ano. No evento participaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Promoción Económica, Olga Ameneiro, que parabenizaron e fixeron entrega dos premios ás persoas gañadoras.
Os vales recaeron en tres mulleres: Tania Pardo Ínsua, que recibiu un bono de 400 euros polas súas compras en Lencería Mari Jose; María Pérez López, premiada con 600 euros tras mercar na xoguetería Din y Don; e Blanca Rosa Montero, gañadora do vale de 1.000 euros grazas ás compras realizadas en Nuria Espasandín.
As tres premiadas, que estiveron acompañadas polas propietarias dos establecementos, foron seleccionadas no sorteo realizado entre toda a clientela que efectuou compras nos comercios adheridos á campaña Merca Nadal e que depositou as papeletas correspondentes nas urnas habilitadas para tal fin polos establecementos participantes.
Tal e como se explicou durante o acto, as gañadoras deberán canxear os vales nunha única xornada, que se realizará este próximo venres 2 de xaneiro, efectuando compras polo importe total do premio en cando menos tres dos comercios adheridos á campaña. O proceso levarase a cabo acompañadas por persoal da organización, que se encargará de trasladalas aos establecementos elixidos e de acompañalas tamén de regreso unha vez esgotado o importe dos cupóns.
Durante o acto, a alcaldesa felicitou as premiadas e agradeceu a implicación do tecido comercial local e da veciñanza, que un ano máis apostou por realizar as súas compras no pequeno comercio de Narón. Pola súa banda, Olga Ameneiro puxo en valor esta iniciativa como unha ferramenta clave para dinamizar a economía local durante a campaña de Nadal coa colaboración da Asociación Comercio de Narón.
A entrega destes vales supón un dos actos finais da campaña Merca Nadal en Narón, posta en marcha un ano máis co obxectivo de recoñecer e impulsar o comercio de proximidade durante o Nadal.