O Concello de Narón gardou este mércores un minuto de silencio diante da porta principal da casa consistorial para lembrar as vítimas do terrorismo coincidindo co 22º aniversario dos atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid.
Mércores, 11 de marzo de 2026. A convocatoria realizouse ás 12.00 horas e contou coa presenza da alcaldesa e outros membros da corporación municipal e persoal do Concello que quixeron sumarse ao acto simbólico. O goberno local adheriuse así á proposta da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), que chamou ás administracións locais de todo o Estado a convocar concentracións en recordo das vítimas.
Os atentados xihadistas perpetrados nos trens de Madrid o 11 de marzo de 2004 causaron a morte de 192 persoas e máis de 1.800 feridos, converténdose no maior ataque terrorista da historia recente de España.
A data foi declarada polo Parlamento Europeo como Día Europeo en Memoria das Vítimas do Terrorismo, co obxectivo de honrar as persoas falecidas e expresar solidariedade coas súas familias, así como reafirmar o compromiso das institucións e da sociedade na defensa da liberdade e da convivencia fronte á violencia terrorista.