CHARLA INFORMATIVA EN NARÓN SOBRE AS AXUDAS LEADER DE DESENVOLVEMENTO RURAL PARA IMPULSAR PROXECTOS LOCAIS
O Concello de Narón, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) e coa organización da Asociación GDR Seitura 22, celebra o martes 17 de marzo, a partir das 9:30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura, unha charla informativa sobre a nova convocatoria de axudas do programa Leader, iniciativa cofinanciada con fondos europeos a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
Mércores, 11 de marzo de 2026. Estas axudas están destinadas a persoas físicas e empresas que teñan proxectos para poñer en marcha, ampliar ou diversificar un negocio, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento rural e apoiar a economía local. O programa repartirá un total de 1.043.698 euros en subvencións para iniciativas vinculadas á creación de emprego, mellora de servizos, modernización de empresas ou actividades innovadoras que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico nos concellos de Ferrolterra, Eume, Ortegal, Miño e Vilarmaior
Durante a sesión, o xerente de Seitura 22, Miguel Teixido, explicará os tipos de proxectos susceptibles de recibir financiamento, a contía máxima das axudas, os requisitos de acceso, o procedemento de solicitude e as condicións do Bono Activa Rural, un incentivo adicional para impulsar iniciativas locais. A charla contará tamén coa intervención de Juan Carlos Platas, de Proyectos Soluciones Industriales Galicia SL, empresa beneficiaria destas axudas en convocatorias anteriores, que compartirá a súa experiencia práctica.
O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 6 de abril.