O CALENDARIO SOLIDARIO DOS BOMBEIROS DE NARÓN RECADA CASE 28.000 EUROS PARA INVESTIGAR A SÍNDROME DE RETT
A Asociación Deportiva e Cultural Bombeiros Narón fixo entrega dun cheque de 27.912,59 euros á Asociación Princesa Rett, unha cantidade recadada coa venda do calendario solidario “O Océano de Julieta” e cos donativos recibidos durante a campaña.
Domingo, 15 de marzo de 2026. O acto celebrouse no Parque de Bombeiros de Narón e contou coa presenza de Julieta, protagonista do calendario, acompañada da súa nai, Lucía. Tamén asistiron a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro; o xefe en funcións do servizo de bombeiros, Adrián Fraga; o presidente da ADC Bombeiros Narón, Luís García; e Carlos Doval, membro da entidade e impulsor da iniciativa, ademais de varios integrantes do corpo.
Durante o encontro, a alcaldesa agradeceu aos bombeiros e á Asociación Deportiva e Cultural Bombeiros Narón o seu compromiso coa sociedade e a posta en marcha dunha iniciativa solidaria que permite apoiar a investigación dunha enfermidade pouco frecuente como a síndrome de Rett. Ferreiro destacou tamén a implicación da veciñanza de Narón, cuxa colaboración fixo posible o éxito da campaña.
Pola súa banda, Luís García recoñeceu o traballo de Carlos Doval, promotor do proxecto, e agradeceu a colaboración da fotógrafa Noelia Soto e da imprenta Sacauntos, que ampliou a tirada de calendarios ante a elevada demanda. O presidente da asociación tamén puxo en valor o apoio dos establecementos colaboradores e de todas as persoas que adquiriron o calendario.
Adrián Fraga subliñou a solidariedade do persoal do parque de bombeiros e destacou que iniciativas como esta reflicten o compromiso do servizo público coa cidadanía. “Sempre tentaremos dar o mellor de nós pola veciñanza de Narón e tamén alí onde a xente nos necesite”, sinalou, lembrando a participación do corpo en intervencións como a DINA de Valencia ou os incendios forestais de Ourense.
Finalmente, Lucía, nai de Julieta, expresou o seu agradecemento á asociación, aos profesionais do parque de bombeiros e a todas as persoas que colaboraron na iniciativa. Destacou que o apoio recibido supón non só unha importante achega económica para avanzar na investigación da síndrome de Rett, senón tamén un importante respaldo emocional para as familias que conviven con esta enfermidade.