Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DE NARÓN TRASLADA Á XUNTA AS NECESIDADES URXENTES DOS CENTROS EDUCATIVOS DO MUNICIPIO
A situación dos centros educativos públicos de Narón e as actuacións necesarias para mellorar as súas instalacións centraron a primeira reunión mantida co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, desde a súa chegada ao cargo en 2020, un encontro longamente demandado polo Goberno local de Narón.
Na xuntanza participaron a alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que trasladaron ao responsable autonómico as principais deficiencias detectadas nos colexios do municipio, recollidas nun informe técnico municipal remitido xa en 2023. Entre elas, figuran problemas estruturais en cubertas, instalacións de calefacción e rede de abastecemento de auga, así como carencias en materia de eficiencia enerxética e acondicionamento xeral dos edificios. No transcurso do encontro, no que tamén estivo presente o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, o responsable de Educación da Xunta comprometeuse a actuar con carácter urxente no Colexio Plurilingüe Ponte de Xuvia, cun investimento estimado de arredor de 50.000 euros para dar resposta ás necesidades máis inmediatas do centro, nomeadamente da cuberta. Así mesmo, anunciou que o seu departamento está a preparar esta actuación para executala ao longo deste ano. Ademais, Román Rodríguez avanzou que a Xunta prevé adxudicar no mes de abril as obras de rehabilitación integral do CEIP da Gándara, cun investimento de case 1,5 millóns de euros. A intervención contempla melloras na envolvente do edificio, coa instalación dun sistema SATE na fachada, substitución de carpinterías exteriores, nova cuberta con illamento, así como actuacións para mellorar a accesibilidade e a iluminación interior do centro. No que respecta ás actuacións de maior alcance, o conselleiro indicou que se establecerá unha orde de prioridade para a renovación das cubertas en varios centros do municipio en vindeiros exercicios, comezando polo CEIP Ponte de Xuvia e continuando polo IES As Telleiras, o CEIP Virxe do Mar e o CEIP A Solaina. Desde o Concello valoran positivamente os compromisos adquiridos pola Consellería, ao considerar que supoñen un avance para dar resposta a demandas históricas da comunidade educativa de Narón. Non obstante, incidiron na necesidade de ampliar as actuacións ao resto de necesidades detectadas no informe e que se executen no menor prazo posible para mellorar de xeito efectivo as condicións dos centros. Marián Ferreiro destacou que esta reunión “permite avanzar na solución dalgúns dos problemas estruturais que levan anos afectando aos centros educativos públicos do municipio” e subliñou a importancia de manter unha colaboración fluída entre administracións para garantir unhas instalacións axeitadas para o alumnado e o profesorado de Narón O Concello continuará a realizar un seguimento pormenorizado das actuacións previstas pola Xunta co obxectivo de garantir que se dea resposta efectiva ás necesidades trasladadas neste encontro.

<<< Marzo 2026 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
naron.gal