O PLENO DE NARÓN AMOSA O SEU APOIO AOS TRABALLADORES DE NAVANTIA NUNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
O Pleno ordinario de marzo do Concello de Narón incluíu na súa orde do día unha declaración institucional na que a Corporación amosa o seu apoio ao cadro de persoal da factoría pública e ás súas demandas en relación co Plan Industrial 2026-2029.
Xoves, 26 de marzo de 2026. O texto pon o foco na necesidade de garantir carga de traballo estable, avanzar na modernización das instalacións e asegurar o mantemento do emprego, tanto na empresa pública como na industria auxiliar, incidindo no papel clave deste sector para o desenvolvemento industrial da comarca.
Na mesma sesión, e por unanimidade, aprobouse a baixa no inventario municipal das parcelas do sector de Santa Rita xa cedidas á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (VIPUGAL), un trámite necesario para consolidar a cesión e avanzar na construción de vivenda de promoción pública no municipio.
Así mesmo, tamén contou co apoio unánime da Corporación a adhesión do Concello ao convenio marco de colaboración coa Xunta de Galicia en materia de envases domésticos de vidro dun só uso.
No plano económico, deuse o visto bo ao levantamento de reparos suspensivos para o pagamento de facturas correspondentes a servizos xa prestados, así como un recoñecemento extraxudicial de créditos para cumprir cos compromisos adquiridos con provedores.
O Pleno de Narón ratificou así mesmo a proposta de aprobación inicial do regulamento de uso para o complexo da piscina do Couto, un documento que fixa as condicións de acceso, funcionamento e utilización das instalacións, co fin de garantir un uso adecuado e seguro por parte das persoas usuarias deste equipamento municipal que ten prevista a súa posta en funcionamento para a tempada estival.
Ademais, a Corporación acordou a adhesión do Concello de Narón ao convenio entre a Consellería de Educación e a Fegamp para o desenvolvemento da rede de concellos contra o acoso escolar, unha iniciativa que busca reforzar a prevención e actuación fronte a este tipo de situacións.
Mocións
No apartado de mocións, o Pleno deu luz verde a dúas iniciativas do PP: unha, aprobada por unanimidade, para mellorar a seguridade viaria e o mantemento dos pasos de peóns en Narón, e outra centrada na problemática do lobo e na defensa do sector gandeiro.
Tamén prosperaron dúas propostas do BNG. Por unha banda, unha iniciativa na que se solicita a actuación do Concello ante o posible caso de contaminación detectado nos menús do 3 de marzo no CEIP Manuela Pérez Sequeiros. Por outra, unha moción sobre as necesidades de investimento no IES As Telleiras, levada ao Pleno para o seu debate.
Ademais, o PSdeG sacou adiante dúas mocións: unha para reclamar melloras na seguridade viaria nas estradas dependentes da Deputación no termo municipal de Narón, e outra na que se solicita a fiscalización do gasto hídrico e a comparecencia do responsable ante o consumo anómalo detectado no campamento de Freixeiro.