O Concello de Narón vén de completar a substitución integral da iluminación pública en Pedroso, tras a última actuación realizada no lugar de Bazón. Con esta intervención final, toda a rede de alumeamento da parroquia queda xa adaptada a tecnoloxía LED.
Xoves, 30 de abril de 2026. En total substituíronse 78 lámpadas de sodio de 75 W por novos dispositivos LED de 30 W, o que supón unha redución do 40% na potencia instalada. A medida tradúcese nun aforro enerxético e económico relevante, ao tempo que mellora a eficiencia do servizo municipal.
Máis alá da redución do consumo, as novas luminarias incorporan melloras técnicas que permiten unha iluminación máis uniforme, unha mellor reprodución das cores e unha diminución das tarefas de mantemento. Ademais, contribúen a reducir a contaminación lumínica, favorecendo unha iluminación máis sostible dos espazos urbanos e rurais.
Esta actuación forma parte dos compromisos adquiridos polo Concello no marco do Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), ao que Narón está adherido.