O CONCELLO DE NARÓN ABRE O PRAZO PARA SOLICITAR AS AXUDAS DE EMERXENCIA DESTINADAS A MATERIAL ESCOLAR E COMEDOR PARA O CURSO QUE VÉN
As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde este 1 de xullo, en función da renda da unidade de convivencia.
Martes, 30 de xuño de 2026. O Concello de Narón pon en marcha, a partir deste mércores 1 de xullo, o prazo para solicitar as axudas económicas de emerxencia dirixidas a sufragar os gastos de material escolar e comedor do próximo curso 2026/2027. As familias interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 30 de abril de 2027.
Trátase de dúas liñas de axuda complementarias. Por unha banda, as destinadas a material escolar, que buscan facilitar o acceso ao material didáctico das familias con fillos e fillas matriculados en segundo ciclo de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional ou educación secundaria de adultos. Por outra, as axudas de comedor escolar, orientadas a sufragar este servizo nos centros educativos concertados do municipio. En ambos os dous casos, a contía concederase en función da renda da unidade de convivencia de cada familia.
A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, destacou a importancia destas axudas para garantir que ningunha familia quede fóra do acceso á educación por motivos económicos: "Cada curso que comeza supón un esforzo económico importante para moitos fogares, e dende o Concello queremos que ese esforzo non sexa un obstáculo para que os nosos nenos e nenas teñan o material e a alimentación que precisan".
Ameneiro engadiu que se trata dunha aposta "decidida e continuada" do goberno local por reforzar a equidade educativa no municipio.
As solicitudes deberán presentarse conforme ao modelo oficial facilitado polo Concello, ben no Rexistro Xeral municipal, ben a través da sede electrónica, ou ben por calquera outro dos medios recollidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As persoas interesadas poden obter máis información sobre os requisitos para ser beneficiarias, a documentación necesaria e o impreso de solicitude no Rexistro Xeral de Entrada e no Servizo Sociocomunitario Municipal.