CATRO CITAS CON APEGO PARA ACHEGAR CONTOS E TEATRO AOS MÁIS PEQUENOS ESTE OUTONO EN NARÓN
O programa do Servizo de Nornalización Lingüística naronés, gratuíto e con inscrición previa, comeza o 30 de setembro coa compañía A Xanela do Maxín.
Martes, 15 de setembro de 2026. O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Narón presentou este martes unha nova edición do programa Apego, unha proposta dirixida ás familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos. A programación deste outono consta de catro sesión na que teñen cabida contos, cancións, teatro e monicreques. As actuación desenvolveranse os mércores 30 de setembro, 14 de outubro, 11 e 25 de novembro ás 17:00 horas no Centro cívico social de San Xiao.
A primeira cita, o último mércores deste mes, correrá a cargo da compañía A Xanela do Maxín que representará “Os libros da titiriteira”, unha proposta que mestura os monicreques co contacontos a través de grandes libros que agochan pequenas historias no seu interior. O 14 de outubro será a quenda de “Colorín, colorete”, da narradora Charo Pita, un percorrido por contos, cantigas e bicos tan miúdos coma tenros nunha sesión deseñada para 0 a 3 anos.
Xa en novembro, o día 11, será a quenda de “A loba Antea”, da compañía As dos Contiños, un espectáculo con música, narración oral e monicreques sobre a amizade e a concienciación ambiental, protagonizado por unha loba gardiá do monte do Viso e a súa amizade coa nena Sarela. A programación pechará o 25 de novembro con “Animaladas”, de Calavera Teatro, no que a exploradora Jeanne Baret convida o público a acompañala nunha viaxe pola selva Pitiminí para descubrir as súas especies e misterios.
Todas as actividades son de balde, aínda que requiren inscrición previa a través do correo electrónico a.pita@naron.gal, indicando o nome da actividade, o nome e a idade do neno ou nena, o nome da nai, pai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
Toda a información sobre o programa pode consultarse na páxina web de Apego (www.apego.gal) e na do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón (www.naronengalego.gal), no apartado de actividades.