O CONCELLO RECLAMARÁ Á XUNTA MÁIS INVESTIMENTOS NA CIDADE CON CARGO AOS ORZAMENTOS AUTONÓMICOS DE 2027
A sesión plenaria celebrada esta mañá no Concello aprobou tamén o apoio á folga xeral do vindeiro 11 de novembro
Narón, 3 de novembro de 2026. O Concello de Narón instará á Xunta a destinar máis investimentos para a cidade nos orzamentos de 2027. Así se acordou onte tras aprobarse no pleno unha moción presentada no pleno por Terra Galega, respaldada polos edís do BNG e PSOE e coa abstención dos do PP. Un ano máis, tal e como se manifestou na convocatoria, úrxense partidas destinadas a actuacións como a construción dun centro integrado para persoas maiores, para mellorar o estado de centros públicos de ensino na cidade, melloras viarias, a asunción por parte da Xunta da xestión das escolas infantís municipais e a habilitación dun centro integrado de Formación Profesional no que se impartan familias profesionais que non hai na zona, entre outras demandas.
Entre as mocións aprobadas no pleno está tamén a presentada polo BNG en apoio á folga xeral do 11 de novembro, baixo o lema “Galiza en loita por unha vida digna e polo dereito á vivenda”. O documento contou co respaldo dos edís de TEGA e PSOE e, entre outros puntos, reclama á Xunta e ao Goberno central medidas efectivas para conter a emerxencia habitacional.
No pleno abordouse unha declaración institucional relativa á necesidade de blindar e avanzar en dereitos e garantir o aumento das prestacións económicas periódicas ás vítimas de violencia machista, incidindo con motivo da proximidade do 25N na necesidade de afianzar o compromiso das institucións públicas na erradicación de todas as formas de violencia machista.
Dende o Concello aprobouse tamén na sesión a declaración de especial interese das obras de ampliación do centro de saúde de Narón, o que permitirá a aplicación dunha bonificación do 95% da cota do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras.
O regulamento de espectáculos públicos e actividades recreativas do Concello de Narón aprobouse tamén esta mañá no pleno de xeito inicial. No documento recóllense os requisitos administrativos e as condicións técnicas e de seguridade necesarias para a realización das distintas actividades e para os distintos espazos onde se poidan levar a cabo. Unha das finalidades, tal e como se recolle no texto, é acadar unha maior axilidade e eficacia nese ámbito e a unificación procedemental. O documento someterase a información pública e audiencia coa publicación no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios ou edictos do Concello durante un prazo de trinta días para que se poidan presentar as suxestións ou reclamacións que se estimen oportunas. No caso de non presentarse ningunha o regulamento quedará aprobado de xeito definitivo.
No apartado de mocións saíron tamén adiante as presentadas polo PSOE sobre a RPT e mellora de servizos públicos e tamén outra sobre a xestión da auga; a de TEGA e BNG sobre a emerxencia lingüística do idioma de Galicia; a do BNG sobre a mellora da seguridade viaria no polígono das Lagoas e a do PP sobre mantemento de colectores urbanos.