O XXII FESTIVAL INTERNACIONAL DE FOLCLORE CELÉBRASE O SÁBADO 21 DE XULLO NO PAZO DA CULTURA
As invitacións para asistir son gratuitas, e xa poden retirarse nas taquillas do Pazo, en horario de 10 a 13 e de 19 a 21 horas.
Narón, 17 de Xullo de 2012.- O Concelleiro de Cultura de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, presentou hoxe en rolda de prensa o XXII Festival Internacional de Folclore, que se celebrará o sábado 21 de xullo no Pazo da Cultura de Narón, ás 21:00 horas, con entrada de balde. As invitacións poden retirarse xa nas billeteiras do Pazo, en horario de 10:00 a 13:00 e de 19:00 a 21:00 horas.
Nesta 22ª edición, os grupos participantes no Festival son os seguintes:
-Banda de gaitas do Padroado de Cultura (Narón).
-Grupo de danza tradicional “Alxibeira” (Narón).
-Asociación Folklórica “Estrella y Guía” (Gran Canaria).
-Istambul Sis Performing Arts Youth and Sports Club Society (Turquía).
-Conxunto de Danza e Música “Rusia” (Krasnogorsk, Rusia).
-Compañía de Danza Folclórica “Alma Huasteca” e “Mariachi Son de Hidalgo” (México).
Unha parella de cada un destos grupos (ataviada co seu traxe) participará na recepción institucional que lles ofrecerá o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, o vindeiro venres 20 de xullo no Concello.