A iniciativa, que forma parte do proxecto Apego, diríxese a nenas e nenos de 0 a 6 anos e terá lugar o 12 de novembro no local social do Alto do Castiñeiro
Narón, 7 de novembro de 2016. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, anunciou a apertura, hoxe, do prazo para anotarse na actividade “Entre arrolos e contiños”, unha proposta do proxecto Apego que se desenvolverá o 12 de novembro no local social do Alto do Castiñeiro. A actividade é de balde e diríxese a nenas e nenos de 0 a 6 anos, tal e como recordou a edil naronesa, que tamén explicou que haberá dúas sesións, unha ás 10.30 e a segunda a partir das 12.00 horas. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Bea Campos e Davide González, da compañía pontevedresa Migallas Teatro, serán os protagonistas deste evento, centrado na música, na literatura infantil e na tradición oral. Os participantes e as súas familias terán a oportunidade de gozar dunha divertida sesión cun marcado carácter educativo e lúdico a través da recuperación da cultura tradicional galega.
As inscricións deben formalizarse no Servizo de Normalización Lingüística de Narón –no quinto andar do Concello-, a través do correo electrónico: a.pita@naron.es, ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 (ext. 1516), ata o vindeiro 11 de novembro, en horario de 8.30 a 13.30 horas.
A Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia colaboran nesta actividade, a través da subvención do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón.