A CORPORACIÓN LOCAL PARTICIPOU NO PRIMEIRO ACTO PÚBLICO DO PROGRAMA "100.000 MOTIVOS DE PESO"
O Centro de Recursos Solidarios de Narón foi o lugar elixido para que se pesaran representantes da corporación local que participarán nesta proposta sanitaria e solidaria
Narón, 25 de xaneiro de 2018. Representantes da corporación local de Narón participaron esta tarde, ás 18.15 horas, no primeiro acto público enmarcado no programa “100.000 Motivos de Peso”. Trátase dunha iniciativa pioneira en España respaldada polo Concello, o Servizo Galego de Saúde e a Sociedade Española para o Estudo da Obesidade, na que se aposta por implicar ao conxunto da cidadanía. Este proxecto, que nace cos obxectivos de erradicar as dietas pouco saudables e fomentar a práctica de actividade física, parte da adhesión do Concello, no ano 2015, á Estratexia de Promoción da Saúde do Ministerio de Sanidade. Con motivo do inicio da fase de implantación deste novidoso proxecto catorce integrantes da corporación local naronesa pesáronse nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios (ubicado no polígono industrial de Río do Pozo), animando a toda a cidadanía a embarcarse neste programa que ten tamén entre os seus obxectivos a prevención de enfermidades, algunhas delas crónicas, e a potenciación do benestar e da autonomía das persoas.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, os portavoces dos grupos da corporación local e outros edís pesáronse hoxe no Centro de Recursos Solidarios de Narón. A suma total foi de 1.174,5 quilos, unha cantidade que se aposta por reducir nos vindeiros meses seguindo unha serie de pautas sanitarias. “Na mesma proporción en que se reduza o peso dos participantes, aportaranse quilos de alimentos non perecedoiros ou leite que se doarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón, para así establecer situacións igualitarias en saúde”, destacou a alcaldesa da cidade.
Nesta primeira etapa o traballo centrarase en fomentar entre os participantes unha alimentación sana e tamén a práctica de actividade física, co fin de previr o exceso de peso, a obesidade e as enfermidades crónicas. Por todas estas razóns, a rexedora local, Marián Ferreiro, convidou ás veciñas e veciños a sumarse a este proxecto comunitario de saúde. Ferreiro explicou que todos aqueles que queiran participar poderán facelo a partir do vindeiro 1 de febreiro e ata o 30 de xuño a través dos tres centros de saúde da localidade, donde médicos e enfermeiras realizarán un seguemento das persoas que se impliquen neste proxecto. As actividades deportivas e de Educación promovidas polo Concello, asociacións, centros educativos, establecementos hostaleiros e empresas terán tamén un papel específico, coordinados por persoal médico dos centros de saúde do Alto, O Val e Pedroso, para lograr o obxectivo final, que non é outro que adelgazar, en conxunto, 100.000 quilos en dous anos, según as estimacións iniciais. O médico Carlos Piñeiro indicou ao respecto que os veciños e veciñas con problemas de obesidade ou sobrepeso –uns 15.000 según os datos que se manexan desde o Servizo Galego de Saúde- deben comprometerse a reducir alomenos nun 10% o seu peso. Deste xeito, tal e como avanzou Piñeiro na celebración, hai unhas semanas, do Consello Xeral de Participación Cidadá de Narón, “diminuiríase o índice de mortalidade de Narón en 1,5 puntos, co que este concello pasaría a rexistrar a mortalidade máis baixa de Galicia, que se situaría entre as menores de España”. “Unha vez coñezamos os Motivos de Peso deste programa, que será o peso total do grupo, marcarase un obxectivo da diminución do 10% da masa total nun prazo de dous anos, co que se realizarán seguementos periódicos dos participantes para poder levar a cabo con éxito este proxecto”, explicou a alcaldesa.
Marián Ferreiro destacou a colaboración e implicación do persoal sanitario que participa activamente no proxecto “100.000 Motivos de Peso” e animou á veciñanza a sumarse ao mesmo, recalcando que ademais das vantaxas a nivel de saúde, a iniciativa ten un marcado carácter solidario.