APROBADA POR UNANIMIDADE NO PLENO A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POR PRESTACIÓN DE SERVIZOS NAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS
A modificación contempla a aplicación da gratuidade de atención educativa a partir da matriculación nas Escolas Infantís Municipais do segundo fillo ou filla da unidade familiar
Narón, 3 de xullo de 2020. A corporación local celebrou esta mañá, ás 9.00 horas un pleno extraordinario con carácter presencial, o primeiro no salón de plenos tras decretarse o estado de alarma, período no que se mantiveron as sesións, así como Comisións e Xuntas de Goberno, a través de videoconferencia. Na sesión plenaria aprobouse de xeito provisional, e por unanimidade, a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos das Escolas Infantís Municipais (A Solaina, A Gándara e Piñeiros).
A modificación, tal e como indicou o portavoz de Terra Galega, Román Romero, afecta á aplicación da gratuidade de atención educativa a partir da matriculación nas Escolas Infantís Municipais do segundo fillo ou filla da unidade familiar, incluídos. Esta medida, impulsada dende a administración autonómica, quedará recollida na citada ordenanza municipal.
A modificación someterase a información pública e audiencia durante un prazo dun mes para presentar, no caso de consideralo oportuno, reclamacións e suxestións. Se non se presentan o acordo será definitivo e a ordenanza coas modificacións aprobadas entrará en vigor un día despois de publicarse no BOP para aplicala a partir do 1 de setembro deste ano.