O CONCELLO PUBLICA A LISTAXE DOS EXPEDIENTES BENEFICIARIOS DAS PRIMEIRAS AXUDAS DO PROGRAMA "NARÓN IMPULSA"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, anunciou o pasado mércores o inicio do pago das primeiras sesenta axudas, por un importe conxunto de 141.000 euros
Narón, 15 de agosto de 2020. O Concello publicou a través da Sede Electrónica a listaxe cos números dos expedientes beneficiarios das sesenta primeiras subvencións das axudas do programa municipal “Narón impulsa” que se comezaron a pagar o pasado mércores, día 12. Os datos a través dos que as persoas solicitantes destas axudas municipais poden identificar os seus expedientes poden consultarse a través do seguinte enlace: https://sedeelectronica.naron.es/siac/Tablon_ver_doc.aspx?id=2111. En total, abonouse unha partida inicial de 141.000 euros a un total de sesenta empresas, se ben se está tramitando a orde de pago a outras 468, tal e como recordou a alcaldesa, Marián Ferreiro.
As subvencións deste programa municipal dirixíanse a pequenas empresas, microempresas e autónomos da cidade. Na listaxe publicada figuran un total de 43 axudas por importe de 2.000 euros, as específicas para persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou con ata dous traballadores/as a 1 de marzo deste ano. A maiores, contabilízanse 13 por importe de 3.000 euros, para persoas físicas e xurídicas con entre 3 e 9 traballadores/as tamén a 1 de marzo e, as catro restantes son de 4.000 euros, para o mesmo colectivo pero cun cadro de persoal de entre 10 e 49 empregados/as a 1 de marzo deste ano.
O Concello habilitou unha partida global de tres millóns de euros para o programa “Narón impulsa”, a través do que se apostou por paliar os graves efectos da crise da Covid-19 entre o sector empresarial, mermando considerablemente os ingresos das empresas e, nalgúns casos, implicando o cese temporal da súa actividade debido á pandemia. En total presentáronse 751 solicitudes de axudas, se ben na actualidade, a maiores das 60 que contan con orden de pago e xa se abonaron, previsiblemente a vindeira semana pagaranse outras 468 que tiveron que subsanar algunha documentación presentada no momento da tramitación.
Todas as empresas beneficiarias deben estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello, coa Facenda estatal, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a administración autonómica. Así mesmo, no mes de xaneiro do vindeiro ano os beneficiarios destas subvencións deberán presentar documentación xustificativa conforme cumpriron todas as obrigas establecidas nas bases do programa “Narón impulsa”.