O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ MÉRCORES O PRAZO DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA MATERIAL DIDÁCTICO E COMEDORES ESCOLARES DURANTE O CURSO 2021-2022
O prazo de solicitude permanecerá aberto durante todo o curso académico 2021-2022
Narón, 31 de agosto de 2021. O Concello manterá aberto dende mañá día 1 de setembro, permanecendo aberto durante todo o curso escolar, o prazo para solicitar axudas municipais para adquisición de material didáctico e escolar para alumnado de centros públicos ou concertados e as de comedor para centros concertados no curso académico 2021-2022. A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, indicou que as solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello –de luns a venres entre as 8.30 e as 13.00 horas-, na Sede Electrónica ou por calquera outro medio previsto no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
As axudas para material didáctico e escolar para alumnado de centros públicos e concertados de Narón serán para matriculados en segundo ciclo de Educación Infantil, educación Primaria e Secundaria, Bacharelato, FP de Ciclos medios e Educación Secundaria de Adultos
Así mesmo, en canto ás axudas de comedor escolar, destínanse a familias de alumnado escolarizado en centros docentes concertados de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Secundaria con dificultades socioeconómicas e de conciliación da vida familiar e laboral.
As axudas diríxense a familias empadroadas en Narón e cuxa capacidade económica non supere os umbrais económicos establecidos na convocatoria e demais requisitos da mesma, que se poden consultar na páxina web do Concello, a través do enlace:
https://sedeelectronica.naron.es/siac/ProcedimientoTabs.aspx?tab=1&idProc=68&idnct=354&x=l2jGEPzFIoZH2ZaCA5Ohkw
As persoas interesadas en solicitar máis información sobre as persoas beneficiarias destas axudas, a documentación a presentar ou o impreso de solicitude poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello