O CICLO DE CINE EN GALEGO ORGANZADO POLO PADROADO E O CINECLUBE SERIE B LEVARÁ MAÑÁ AO PAZO A PROXECCIÓN DA PELÍCULA "DHOGS"
As entradas desde ciclo, que rematará o vindeiro 14 de outubro, son de balde, podendo recollerse na billeteira do Pazo
Narón, 6 de outubro de 2021. O Ciclo de cine en galego organizado polo Padroado da Cultura do Concello de Narón e o Cineclube Serie B continúa mañá coa proxección, ás 20.00 horas, da terceira das catro películas contempladas no programa, “Dhogs”. Trátase dun filme dirixido por Andrés Goteira e que foi o máis premiado dos recoñecidos galardóns Mestre Mateo, nos que obtivo trece premios.
Melania Cruz, Carlos Blanco, Antonio Durán “Morris”, María Costas e Miguel de Lira forman parte do reparto desta película. Un executivo que tras unha intensa xornada de traballo vai a un luxoso hotel a descansar, coñecerá a unha muller á que invita a unha copa e coa que ten unha aventura. Cando ela se dirixe á súa casa é secuestrada polo camiño.
A última proxección deste ciclo será o vindeiro 14 de outubro, cando se poderá ver no Pazo, tamén ás 20.00 horas, “Eroski Paraíso” (2019), dirixida por Jorge Coira e Xesús Ron, galardoada nos Mestre Mateo nas categorías de mellor protagonista feminino e masculino.
A Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga), o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e a Xunta de Galicia colaboran tamén nesta iniciativa, con entrada de balde.