O prezo do billete seguirá estando bonificado para os viaxeiros.
Narón, 30 de xullo de 2010.- A Corporación Municipal de Narón celebrou onte o Pleno Ordinario correspondente ó mes de xullo, no que se aprobou o convenio coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano da comarca de Ferrolterra.
O acordo foi apoiado polo grupo de goberno, Terra Galega e contou co apoio do Partido Popular. O PSOE e o BNG abstivéronse neste punto.
O Concello refrendou o convenio para o desenvolvemento do Transporte Metropolitano en Ferrolterra, pero cunha serie de salvidades.
En primeiro lugar, o Concello de Narón non participará no incremento da oferta para Servizos de Interese Metropolitano (SIM) ata que se redistribúan os custos entre todos os concellos. Como se lembrará, o texto do convenio establecía que Narón debería abonar 59.222€ pola nova liña de autobuses circular con orixe e destino Ferrol. O curioso desta proposta é que o Concello de Ferrol non ten que abonar nada -0 euros- mentres que outros coma o de Narón deberían sufragar unha parte considerable do seu mantemento.
En segundo lugar, o Concello de Narón esixe a verificación persoal de orixe e destino das viaxes no sistema de bonificacións previsto.
En terceiro lugar, demándase a inclusión dunha cláusula sobre a necesaria coordinación con Feve de cara á prestación dun mellor servizo de transporte conxunto. E finalmente, reclámase á Xunta a reposición de marquesiñas nas vías municipais, ou o amaño das existentes e que se atopan en estado deficitario.
Noutro orde de temas, o Pleno aprobou o nomeamento de dúas novas rúas. A primeira é a rúa Syra Alonso, que vai dende a rúa Chousa da Pedra ata a Avenida Souto Vizoso. E a segunda é a rúa Cortiña Grande (antes denominada rúa Meigas), que cambia de nome a proposta da Asociación de Veciños do Couto. Esta rúa discurre paralela ó Lugar das Viñas e perpendicular ó Camiño da Veiga e á rúa Torres.