Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CELEBRARÁ ESTE VENRES O DÍA DAS LETRAS GALEGAS CON TEATRO, MÚSICA, LECTURA E XOGOS POPULARES
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, presentaron esta mañá o programa “N de Narón, a festa das Letras”, que se celebrará no Pazo da Cultura
Narón, 13 de maio de 2024. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Política Lingüística, María Lorenzo, presentaron esta mañá o programa “N de Narón, a festa das Letras”, co que un ano máis o Concello celebrará este venres o Día das Letras Galegas. O Pazo da Cultura, debido ás previsións de mal tempo, acollerá en horario de mañá e tarde diferentes espectáculos e propostas dirixidas a un público familiar, tal e como avanzaron. Ás 12:00 horas comezará a celebración co espectáculo “De Castro a Villalta”, de A Xanela do Maxín. Trátase dunha proposta teatral de obxectos e hologramas que poñen en valor o legado das seis excepcionais mulleres homenaxeadas no Día das Letras Galegas, dende Rosalía de Castro, a poeta dos sentimentos, ata Luísa Villalta, entre versos e escenarios. Xunto a elas, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno e Xela Arias, mulleres que deixaron unha gran pegada na literatura e no teatro galegos e que destacaron pola súa creatividade, compromiso e contribución á nosa cultura. A continuación, sobre as 13:00 horas, dará comezo a actuación da Banda de Gaitas e do Grupo de Baile do Padroado da Cultura, que amenizarán a sesión matinal. Pola tarde retomarase a programación ás 17:30 horas, co espectáculo teatral “A illa sen tesouro”, de Teatro Ghazafelhos. Neste caso trátase dunha proposta de teatro de rúa na que se reinterpretan coa participación do público distintos momentos dunha famosa aventura de piratas. Música, bailes, acción e humor centrarán este clásico literario para público familiar. A música regresará tamén pola tarde, neste caso a partir das 18:30 horas, coa actuación do Grupo de Cantareiras do Padroado da Cultura. Ao longo da mañá e da tarde no hall do Pazo haberá sesións de xogos populares, de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas, unha proposta de carácter interxeracional da que poderán desfrutar todas as persoas que o desexen. E, con motivo do Día das Letras Galegas, haberá tamén na zona un espazo de lectura e libraría, a cargo da Biblioteca municipal de Narón, onde se ofrecerá un espazo de lectura de obras en galego, formada por unha selección de literatura actual e outra dos autores e autoras homenaxeados nese día nos últimos dez anos. A alcaldesa e a edil de Política Lingüística animaron ás veciñas e veciños de Narón, e tamén doutros concellos, a achegarse o venres ao Pazo “para desfrutar dun día esencial para a nosa cultura en xeral e a nosa lingua en particular, que festexaremos como cada ano o 17 de maio pero que temos moi presente durante todo o ano”, recalcou Ferreiro.

<<< Maio 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal