Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO SÚMASE AO APAGÓN AMBIENTAL CONVOCADO POLO FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE POLO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE
A edil de Benestar Social e representante do Concello no organismo, María Lorenzo, explicou que se apagará a noite do 5 de xuño a rotonda de Freixeiro
Narón, 4 de xuño de 2024. A glorieta de Freixeiro permanecerá mañá 5 de xuño apagada con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, centrado este ano nos ecosistemas terrestres. O Consistorio naronés súmase así ao apagón convocado dende o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a través do proxecto europeo “People and planet” para concienciar sobre o cambio climático, tal e como apuntou a edil de Benestar Social, María Lorenzo. A partir das 23:00 horas apagarase a iluminación da rotonda de Freixeiro co fin de concienciar sobre o consumo de enerxía. Dende o Fondo Galego explicaron que “aínda que o consumo eléctrico en Galicia caeu un 16% no ano 2022, segue a ser un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que cumpra continuar fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción”. Empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos son algunhas das medidas que neste senso poden tomar tanto as institucións como a cidadanía. “En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas”, recalcan. O “apagón ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 70 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto “People & Planet”. O proxecto busca concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, reforza tamén aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 108 concellos, entre eles o de Narón, e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento.

<<< Setembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal