O CONCELLO ABRIRÁ O LUNS O PRAZO PARA COMUNICAR A REALIZACIÓN DE FOGUEIRAS EN SAN XOÁN E SAN PEDRO
O edil do SPEIS, Josë Oreona, informou que as comunicacións deben realizarse ata o 21 de xuño, incluído
Narón, 7 de xuño de 2024. O Concello manterá aberto dende o vindeiro luns, día 10, ata o 21 de xuño (incluído) o prazo para informar da realización de fogueiras de San Xoán e San Pedro en espazos privados e para solicitar autorización para realizalas en espazos públicos. Así o indicou o edil de Seguridade Cidadá e SPEIS, José Oreona, que explicou que os trámites se deben realizar chamando de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 ao número de teléfono 607 971 628.
Na instancia, a maiores dos datos persoais do solicitante e representación é preciso indicar o enderezo da residencia e a localización na que se levará a cabo a fogueira. No caso de que a fogueira se realice en espazos públicos será preciso, ademais de informar telefonicamente, presentar a documentación indicada no modelo A-ALC-04
Co fin de garantir a máxima seguridade nestas xornadas, tal e como se especifica nun bando asinado pola alcaldesa, Marián Ferreiro, haberá que cumprir unha serie de requisitos. Entre eles, que a fogueira non supere os cinco metros de altura e tres de ancho; que estean a unha distancia mínima de 30 metros das vivendas ou de vehículos, instalación, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais; que non exista outra fogueira a menos de 100 metros; non queimar residuos perigosos ou tóxicos e vixialas ata a súa total extinción. En caso de vento, deben extinguirse de inmediato, para evitar posibles perigos.
As fogueiras San Xoán e San Pedro acenderanse a partir das 20:00 horas e deberán estar extinguidas ás 03:00 horas e no caso de emerxencia haberá que chamar ao teléfono112.