O CONCELLO IMPULSA A CAMPAÑA "A NOITE EN IGUALDADE" DIRIXIDA AO SECTOR DO OCIO NOCTURNO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, María Lorenzo, presentaron a campaña
Narón, 7 de xuño de 2024. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Igualdade, María Lorenzo, presentaron a campaña municipal “A noite en igualdade”, dirixida ao sector do ocio nocturno. A rexedora local incidiu en que se trata dunha iniciativa máis destinada a garantir a plena igualdade entre mulleres e homes implicando neste caso a un sector moi específico, ao igual que se fixo o ano pasado cos salóns de peiteado e beleza. Os responsables dos establecementos de ocio nocturno interesados en sumarse ao protocolo deste proxecto poden facelo incorporando os seus locais á rede de espazos fronte ás agresións sexuais no ocio nocturno da cidade. Para iso, deben cumplimentar o formulario: https://tinyurl.com/yskxsrck.
A través do mesmo, dende os locais adquiren unha serie de compromisos, como non empregar criterios sexistas ou discriminatorios nin facer publicidade do local con contidos sexistas; designar a unha persoa como responsable do protocolo; participar nunha acción de sensibilización e formación sobre as violencias e agresións sexuais en espazos de festa e ocio nocturno; dar a coñecer ao conxunto do persoal do local o texto do protocolo, os materiais da campaña e os recursos existentes; visibilizar a imaxe da campaña e participar nas xuntanzas de seguemento do protocolo, entre outros.
Os responsables dos establecementos de ocio nocturno deben facilitar unha serie de datos persoais a través do citado formulario e tamén sobre o funcionamento do local; o coñecemento dos recursos para actuar ante posibles agresións sexuais, etc. Os espazos como discotecas, salas de concerto, bares, festivais, centros comerciais, etcétera, son lugares de encontro e relación que non están exentos de comportamentos que impiden que todo o mundo poida gozalos por igual. A violencia sexual ou a ameaza de sufrila segue sendo unha das formas prioritarias de limitación de acceso aos espazos públicos.
A través do protocolo, tal e como apuntou a alcaldesa, apóstase por implicar aos responsables dos locais de festa e ocio nocturno na prevención e acción contra as violencias sexuais, LGTBfóbicas e agresións sexuais. Así mesmo, a través do documento promóvese a sensibilización da cidadanía fronte a esta problemática e ofrécese asesoramento ao persoal dos locais que se adhiran ao protocolo. Aprender a diferenciar conceptos como as violencias sexuais, as agresións sexuais, violacións, submisión química, acoso sexual; as violencias contra o colectivo LGTBI; as liñas de traballo en materia de prevención; posibles situacións de violencia sexual e como actuar coas persoas agredidas e as agresoras forman parte dos contidos deste protocolo, nos que se ofrecen os pasos a seguir ante estas situacións. Finalmente, no documento ofrécense unha serie de recursos como os servizos de emerxencia e os de información e atención especializada.
Esta iniciativa esta subvencionada polo Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero