Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA OFRECERÁ DENDE O 17 DE XUÑO 225 PRAZAS NOS CAMPAMENTOS CULTURAIS DO PAZO
A iniciativa diríxese a menores de 3 a 12 anos, tal e como recordou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro
Narón, 11 de xuño de 2024. O Padroado da Cultura ofertará este ano un total de 225 prazas nos Campamentos Culturais que se desenvolverán no Pazo da Cultura os meses de xullo e agosto. Así o anunciou a alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, que informou que o prazo de inscrición permanecerá aberto para as nenas e nenos empadroados en Narón do 17 ao 21 de xuño, incluídos, se ben o día 21 pola mañá poderán anotarse menores en xeral. Unha das novidades deste ano, tal e como avanzou a rexedora local, é que se poderán tramitar as inscricións a través da Sede Electrónica do Concello, sendo tamén posible facelo nas oficinas do Pazo da Cultura de xeito presencial, de 8:30 a 13:30 horas de luns a venres. Os Campamentos culturais de verán diríxense a menores de 3 a 12 anos, e desenvolveranse en tres quendas. A primeira delas será do 1 ao 12 de xullo; a segunda do 15 ao 26 de xullo e a terceira do 29 de xullo ao 9 de agosto, podendo elixir unha delas ou as tres. Os grupos dividiranse por idades, de menores de 3 a 5; de 6 a 9 e de 10 a 12, dispoñendo de trinta prazas por quenda nos dous primeiros casos e de quince no dos de maior idade. O prezo por participante é de 63,10 euros por persoa e quenda e os grupos serán dun mínimo de 12 persoas e un máximo de 15. Os campamentos desenvolveranse en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións do Pazo da Cultura, se ben se ofrecerá ás familias servizo de madrugadores entre as 8:00 e as 9:00 horas. Os menores participarán en actividades como xogos tradicionais e en equipo, manualidades, baile (tradicional, de salón, moderno, caribeños…), xincanas, música (coñecemento dos instrumentos tradicionais galegos), etc. A maiores, levaranse a cabo obradoiros sobre reciclaxe e sostibilidade, festas tradicionais, actividades de relaxación e proxeccións de cine e tamén algunhas excursións pola contorna do municipio. A listaxe provisional de admitidos publicarase na Sede Electrónica do Concello o día 21 de xuño a partir das 20:00 horas, dispoñendo esas familias dun prazo concreto para realizar o pago da taxa correspondente, por transferencia bancaria –ata o 26 de xuño- ou en efectivo ou con tarxeta nas oficinas do Pazo -os días 25 ou 26- en horario de 8:30 a 13:30. Se se realiza transferencia bancaria haberá que enviar o xustificante do pago á dirección de correo electrónico: mc.blanco@naron.gal. A lista de agarda tamén se publicará na Sede Electrónica o 21 de xuño e se quedan prazas dispoñibles o día 27 deste mes chamarase as persoas por se aínda estivesen interesadas, debendo realizar o pago nese día e enviar o xustificante ao citado enderezo. A listaxe definitiva publicarase o 28 de xuño na Sede Electrónica de Narón. “Un ano máis, dende o Padroado da Cultura ofrecemos estes campamentos, unha iniciativa moi necesaria e a través da que se aposta por colaborar dende a administración coas familias para que poidan conciliar un pouco mellor a súa vida laboral e familiar durante parte da tempada estival, coincidindo coas vacacións escolares”, apuntou Ferreiro. A alcaldesa destacou “a gran variedade de propostas que os menores realizarán neses días, compartindo un tempo de lecer e ao mesmo tempo de aprendizaxe”.

<<< Xullo 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18 19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
Eventos do Concello
naron.gal