AS CHARLAS VIAXEIRAS REGRESARÁN AO FESTIVAL GULLIVER FEST DE PEDROSO NAS XCRNADAS DO 10 E O 11 DE AGOSTO
Os aventureiros contarán en primeira persoa as súas peculiares experiencias viaxeiras polo mundo
Narón, 5 de xullo de 2024. O Festival da Cultura Viaxeira Gulliver Fest ultima a programación deste ano, na que non faltarán as charlas viaxeiras, estando confirmadas cinco con diferentes protagonistas. A convocatoria, organizada polo Concello, o Padroado da Cultura e a Asociación Furgo Galicia, celebrarase do 9 ao 11 de agosto na área recreativa de Pedroso, con múltiples propostas para públicos de todas as idades. Entre as máis concurridas están as charlas viaxeiras, o sábado en horario de mañá e tarde e o domingo pola mañá, nas que diferentes persoas contan en primeria persoa as súas experiencias.
Un ano en ruta en bicicleta para percorrer Europa, MundoSinRumbo é a canle de viaxes e natureza do compostelán Juanpe Blanco, que no ano 2022, cumpridos os 24, colleu a súa bicicleta na súa casa de Brión para ir en tren a San Sebastián e iniciar numerosas aventuras entre as que está percorrer Europa. Francia, Suiza, Italia, Austria e Eslovenia figuran xa nos seus lugares nos que xa chegou coa súa bici, sobre os que falará o sábado 10 ás 10:30 horas.
A continuación, sobre as 11:15 horas participará nestas charlas a familia que creou El mono migrador no ano 2017, apostando por un xeito de vida nómada e percorrendo o mundo coas súas mochilas. Anabel e Fede apostaron por un proxecto de vida camper xuntos e fixeron tamén partícipes ás súas fillas, Ayla e Inti. Adican este ano a materializar a viaxe dos seus soños, organizando un cambio de vida para percorrer o mundo xuntos, partindo de Latinoamérica, e asentar un sistema de teletraballo que llo permita. A previsión é iniciar a nova aventura en novembro deste ano.
O aventureiro e bailarín galego Pablo Nemo, o primeiro español en percorrer África a pé durante 800 días, será outro dos protagonistas das charlas viaxeiras deste festival. Camiñando dende Ciudad del Cabo ata El Cairo cubriu en solitario unha distancia duns 15.000 quilómetros durante ese tempo, no que viviu numerosas aventuras, que contará o sábado 10 de agosto ás 19:00 horas, coincidindo coa época da pandemia, no ano 2021. Arrestos, conflitos bélicos, noites con moita febre nunha tenda de campaña, hipopótamos perigosos.. pero tamén atardeceres e sorrisos inolvidables, tal e como recorda a travesía, iniciada para reconectar con si mesmo.
A educadora social e emprendedora en ecoturismo Aralia Loiterstein será outra das convidadas ás charlas viaxeiras do Gulliver Fest, este caso o domingo 11 ás 10:30 horas. No seu caso, Aralia, autora tamén do libro de viaxes Agua dulce, agua salada, alternou dende moza os seus estudos coas viaxes, tanto en solitario como coa súa familia. As súas experiencias e vivencias nesas viaxes, unha delas por América, sen data de regreso e con 20 anos, partindo dende Canarias, donde naceu, en barcoestop. Unha aventura na que a expulsaron do barco ao facer escala en Cabo Verde. Visitou países de África e tamén Brasil, o Amazonas.. entre outros destinos.
Outra das protagonistas confirmadas desas charlas será a avogada Cristina Reyes, unha muller con hipoacusia bilateral mixta, unha otite crónica que lle diagnosticaron con 3 anos (na actualidade ten 36). Unha das súas paixóns é viaxar e nese ámbito creou a iniciativa Sordomundo, a través da que dá a coñecer as dificultades que atopan persoas na súa mesma situación en calquera parte do mundo, ofrecendo consellos aos viaxeiros tras percorrer en solitario diferentes puntos de Latinoamérica, Europa e África e tamén as viaxes coa súa parella, Sergio. A súa charla será o 11 de agosto ás 11:15 horas no escenario Campecover de Pedroso.
A programación xa pechada do evento e máis información pódese consultar ao completo a través da web: https://gulliverfest.naron.gal/.