Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A XXIV FESTA GASTRONÓMICA DO PEMENTO DO COUTO CELEBRARASE O VINDEIRO DOMINGO
A edil de Festas, Mar Gómez, presentou esta mañá o evento acompañada por José Dopico, presidente da Cooperativa do Val; o presidente da AVV do Couto, Ramón Couto e un dos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, e técnico da cooperativa Agroflor, Francisco Pico
Narón, 9 de xullo de 2024. A parroquia do Couto acollerá o vindeiro domingo, 14 de xullo, unha nova edición, a vixésimo cuarta, da Festa Gastronómica do Pemento do Couto. A edil de Festas, Mar Gómez, presentou esta mañá o evento acompañada por José Dopico, presidente da Cooperativa do Val; o presidente da AVV do Couto, Ramón Couto e un dos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, e técnico da cooperativa Agroflor, Francisco Pico. O Concello organiza a convocatoria xunto coa citada cooperativa, a Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto e a AVV do Couto. A festa irá precedida, na xornada do sábado 13, da celebración da tradicional Noite no mosteiro, que se celebrará no mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto. Entre as 22:30 e as 01:00 horas haberá concertos de música sacra no interior do cenobio, de balde e cunha duración aproximada de 20 minutos cada un deles. A capacidade é limitada e as persoas irán accedendo ao recinto por orde de chegada. A convocatoria, impulsada dende a Concellería de Turismo que preside a edil Natalia Hermida, completarase cun espectáculo de iluminación artística exterior e interior no mosteiro. O domingo celebrarase a festa gastronómica, para exaltar un ano máis o pemento do Couto, con Indicación Xeográfica Protexida dende o ano 2010. A programación comezará ás 13:00 horas, coa tradicional lectura do pregón, unha tarefa que este ano se lle encomendou ao xornalista e artista plástico Siro López. O xantar popular será a partir das 14:00 horas na carballeira do Couto, nas inmediacións do centro cívico social da parroquia. Os comensais poderán degustar churrasco con pementos do Couto e cachelos, acompañados con pan, auga, viño e café ao tizón, a prezos populares. Os boletos do xantar poden adquirirse, a un prezo de 15 euros para adultos e 7 euros para menores de 14 anos, no centro cívico social do Couto, de 18:00 a 23:00 horas, chamando ao teléfono 981 390 778 ou na oficina da Cooperativa do Val. Ás 17:00 horas dará comezo o baile, amenizado por Jorge Latino. A exaltación do pemento do Couto, máis escaso este ano que nos anteriores debido ás oscilacións térmicas e a falta de produtores, tal e como indicaron dende a Cooperativa do Val e Agroflor, é a finalidade desta celebración. Así mesmo, dende a AVV do Couto animaron á xente a acudir á convocatoria para desfrutar da mesma na zona da carballeira, onde cada ano se reúnen con motivo desta cita numerosas persoas da cidade e chegadas tamén doutros concellos. A edil de Festas agradeceu o labor de todas as persoas que colaboran neste evento e recordou que se cociñarán uns 200 quilos de pementos do Couto para a ocasión. Gómez incidiu na importancia de “continuar poñendo en valor esta hortaliza, de recoñecida calidade e típica desta época do ano”.

<<< Setembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal