Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PARQUE DE FREIXEIRO ACOLLERÁ DO 18 AO 21 DESTE MES O MERCADO MEDIEVAL
A edil de Festas, Mar Gómez, presentou hoxe a programación do evento, con propostas para persoas de todas as idades
Narón, 12 de xullo de 2024. A edil de Feiras e Mercados, Mar Gómez, presentou a programación do Mercado Medieval de Narón, que se celebrará do 18 ao 21 deste mes no parque de Freixeiro. A edil naronesa avanzou que se instalarán na zona preto dun centenar de postos e destacou a variedade da programación a desenvolver durante os catro días, con propostas dirixidas a persoas de todas as idades. O Mercado medieval abrirá o xoves ás 18:00 horas, momento no que se poderán ver xa exposicións de oficios, comezarán os obradoiros e tamén o campamento e as diferentes atraccións. Na xornada do venres o Mercado reabrirá ás 11:00 horas, coas diferentes actividades, como a apertura da escola de cabaleiros, as exposición, a visita do trasno Froilán, que gastará bromas aos asistentes, a danza dos veos de Nazareth, un pasarrúas musical ás 12:45 horas e un descanso sobre as 14:15 horas para poder xantar nalgúns dos postos instados no propio mercado. Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:00 horas, con propostas musicais con tambores e fanfarras, a presencia de bufóns, acrobacias circenses, danza do venres, música de gaitas e tambores e da agrupación Treefolk, a visita de Luisete e a maxia de Baom, pasarrúas dende as 21:20 horas e un de gran formato con sorpresas a partir das 21:45 horas. A continuación, sobre as 22:30 horas haberá un espectáculo de lume e circo con Maktub e pechará a xornada un pasarrúas musical que dará comezo ás 23:00 horas. O sábado a programación continuará en horario de mañá dende as 11:00 horas, con pasarrúas, trasnos, bufóns, a música de Treefolk, espectáculo aéreo e circense con veos ás 14:00 horas e unha parada para comer ás 14:30 horas. Pola tarde o ambiente do medievo regresará ás 18:00 horas, momento dende o que se sucederán a música, os bufóns, a danza do ventre, os pasarrúas, e ás 22:15 haberá un espectáculo de gran formato con sorpresas ao que seguirá, ás 23:00 horas, un espectáculo de lume con aéreos e circo. Finalmente, o domingo reabrirá de novo ás 11:00 horas o Mercado medieval e regresará a música, os bufóns, faunos, a danza do ventre, un obradoiro de esparto para nenas e nenos ás 13:45 horas e un descanso para xantar ás 14:30. Pola tarde poderase visitar o Mercado dende as 18:00 horas e tamén haberá música e outras propostas de maxia e un pasarrúas infantil de despedida con música, danza, lume e o gran dragón ás 21:45 horas que marcará o fin de festa cun espectáculo aéreo, de lume e circo, acompañado de todas as compañías. A edil naronesa avanzou que a maiores haberá durante a fin de semana atraccións infantís, un obradoiro de esparto, unha actividade de tiro con arco, probas de habilidade coa Escola de cabaleiros e un campamento medieval para descubrir a vida e costumes da época. A concelleira de Feiras e Mercados recordou que o Mercado Medieval de Narón reúne cada ano a centos de persoas, chegadas da cidade e tamén doutros concellos, ás que animou a regresar de novo a visitar esta edición.

<<< Setembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal