Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MEDIO MILLEIRO DE PERSOAS ACUDIRON HOXE Á XXIV FESTA GASTRONÓMICA DO PEMENTO DO COUTO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Festas, Mar Gómez, acudiron ao evento xunto con outros representantes da corporación local
Narón, 14 de xullo de 2024. A parroquia do Couto acolleu hoxe unha nova edición, a vixésimo cuarta, da Festa gastronómica do Pemento do Couto. Cociñáronse para a ocasión uns 200 quilos de pementos do Couto, que os comensais degustaron con churrasco e cachelos ao mediodía na zona da carballeira localizada nas inmediacións do local social da parroquia. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a edil de Festas, Mar Gómez, entre outros representantes da corporación local, acudiron á convocatoria, que reuniu a medio milleiro de veciñas e veciños de Narón e tamén doutros concellos na degustación gastronómica. O programa da xornada deu comezo ás 13:00 horas, coa tradicional lectura do pregón. Un dos integrantes da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, Francisco Pico, foi o encargado de presentar o acto, recordando a calidade dos pementos do Couto, recoñecida dende o ano 2010 coa Indicación Xeográfica Protexida coa que se comercializa. Pico destacou o labor das produtoras e produtores “que fan que poidamos desfrutar destes saborosos pementos na tempada de verán” antes de dar paso ao pregoeiro, o xornalista e caricaturista Siro López. Foi o propio Siro o encargado de recordar a historia do pemento en xeral e do do Couto en particular, dende a súa chegada de América ata que Fray Martín Sarmiento os probou no Couto por primeira vez cociñados polo seu amigo Felipe Colmenero. “A cor verde representa a esperanza, a sensación de equilibrio e seguridade emocional, é relaxante… e os pementos do Couto son verdes, saborosísimos e non pican porque diso se encargou Felipe Colmenero, actuando sobre as plantas e tamén coa maxia dos rezos no mosteiro do Couto”, asegurou. López recoñeceu, ao remate da súa intervención, que era un orgullo para el ser o pregoeiro desta edición da festa. A continuación, Francisco Pico agradeceu as palabras do pregoeiro antes de que o presidente da AVV do Couto, Ramón Couto, entregase a López un agasallo en nome da organización. Finalmente, Pico cedeulle a palabra á edil de Festas, Mar Gómez, que agradeceu a implicación ano tras ano da Orde de Damas e Cabaleiros do Pemento do Couto, da Asociación de Veciños do Couto, da Cooperativa do Val e da Cooperativa Agroflor para poder manter esta festa gastronómica na parroquia, á que desexou moitos máis anos de vida. Rematado o acto institucional todos os asistentes dirixíronse á zona da carballeira para participar na xornada gastronómica e, a media tarde, dunha sesión de baile amenizada por Jorge Latino.

<<< Setembro 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal