ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS CURSOS "USOS COTIÁNS DA INTELIXENCIA ARTIFICIAL" E "AS MÚLTIPLES UTILIDADES DE CANVA"
O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Román Romero, indicou que hai un total de doce prazas para cada unha destas accións formativas
Narón, 1 de agosto de 2024. A plataforma Cemit mantén aberto o prazo de inscrición en dous novos cursos, un sobre “Usos cotiáns da Intelixencia Artificial” e outro de “As múltiples utilidades de Canva”, de 168 horas cada un. Así o indicou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Román Romero, que explicou que estas dúas accións formativas comezarán o vindeiro 4 de setembro na Aula Cemit de Xuvia e rematarán o 31 de outubro.
A acción formativa de “Usos cotiáns da Intelixencia Artificial” impartirase en quenda de mañá, de 9:30 a 13:30 horas e abordaranse contidos como: introdución á Intelixencia Artificial; ChatGPT e asistentes virtuais; IA nos medios de comunicación; edición de fotos e vídeos con IA; aplicación de balde con IA; IA en redes sociais; IA na educación; Achegamento á IA na vida cotiá, etc. As inscricións poden realizarse a través do enlace: https://cemit.xunta.gal/es/formacion/formacion-presencial/46894.
No caso do curso sobre “As múltiples utilidades de CANVA”, impartirase en quenda de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, cos seguintes módulos: introdución a Canva; fundamentos do deseño gráfico; creación de presentacións, deseño de folletos, carteis e material impreso; creación de infografías; invitacións e tarxetas personalizadas; utilidades diarias de Canva; deseño de imaxes para redes sociais; creación de vídeos, etc. Neste caso, as inscricións poden realizarse no enlace: https://cemit.xunta.gal/es/formacion/formacion-presencial/46893.
En ambos casos as persoas interesadas poderán anotarse de balde, estando limitada a asistencia a cada curso a un máximo de 12 persoas.