APROBADA NO PLENO A ORDENANZA FISCAL QUE REGULA AS TAXAS POLOS SERVIZOS PRESTADOS POLO PADROADO DA CULTURA
A ordenanza coas actualizacións publicarase nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia
Narón, 3 de setembro de 2024. O Concello acolleu este mediodía, ás 12:00 horas, un pleno extraordinario co punto único na orde do día de aprobar definitivamente a ordenanza fiscal número 14 do Padroado da Cultura. O concelleiro de Facenda, Román Romero, recordou que en base aos informes emitidos polos técnicos municipais competentes na materia, queda desestimada a alegación presentada no seu día polo PSOE local.
O procedemento establecido para realizar as modificacións implementadas cumpre os trámites precisos, tal e como avalan os informes, e actualízanse as taxas a abonar –conxeladas dende hai once anos- que pasarán por exemplo no caso das matrículas das Escolas Culturais Municipais (teatro, debuxo, danza, gaita e outras) de 63,10 euros ao ano a 70 euros ao ano, tal e como se abordou a Xunta do Padroado da Cultura, recordou Romero.
A ordenanza publicarase trala súa aprobación no pleno de hoxe no Boletín Oficial da Provincia para a súa próxima entrada en vigor.